Cifra récord de contaxios na área sanitaria de Ferrol: un total de 170 positivos pola Covid-19

Aínda que é o maior número de infectados rexistrado, ata o momento non houbo novas mortes nin ningún paciente ingresado na unidade de coidados intensivos

O pasado 29 de abril rexistrábase na área sanitaria de Ferrolterra o cumio de infectados cun total de 159 casos detectados desde que o Sergas comezou a contabilizar os casos activos. Porén, segundo os datos actualizados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, as cifras arroxadas nas últimas 24 horas supoñen un récord con respecto aos números acadados ata o momento, un total de 170 casos activos.

Máis contaxios pero menos gravidade

A pesar de que parece difícil atopar algunha boa noticia nesta nova segunda onda de contaxios é certo que, a diferencia do mes de abril, non se produciu ningunha morte nin hai doentes nas unidades de coidados intensivos ata o momento. As cifras rexistradas hoxe martes 8 de setembro aumentaron un total de 11 novos contaxios, aínda que en verdade a cifra real correspóndese con 7, posto que houberon ata 4 novas altas médicas.

Porén, o dato negativo recollido o pasado domingo 6 de setembro foron os dous pacientes que se sumaron ao número de hospitalizados na área sanitaria de Ferrol, chegando á un total de 8 ingresados en unidades de hospitalización. Afortunadamente este dato non variou posto que non se contabilizou ningún outro ingreso nos presentes centros hospitalarios. Na actualidade hai 162 pacientes que permanecen nos seus respectivos domicilios, sendo 698 o total de casos non activos ou curados.

Preocupación nas residencias de maiores

Un dos temas que máis preocupan nesta segunda onda de contaxios é o relativo ás residencias de maiores, xa que a mortalidade provocada polo virus acentúase a medida que aumenta a idade do infectado. Ademais, a preocupación xeneralizada incrementous ao rexistrarse os dous primeiros casos de contaxios en varias residencias de maiores da comarca. A pesar diso, dos 33 falecidos contabilizados na área sanitaria de Ferrol tan só 3 de estas vítimas mortais estaban ingresadas en centros de día.

 

Salir de la versión móvil