Conoce el origen del nombre de los 20 concellos de Ferrol, Eume y Ortegal

'Os nomes dos concellos da provincia da Coruña', del académico de la Real Academia Galega (RAG) Gonzalo Navaza, recoge el significado de los nombres de los 93 municipios de la provincia de A Coruña

¿Quién no se ha preguntado en más de una ocasión qué significaría el nombre de su ayuntamiento?, ¿Quién se lo pondría? ¿Cuándo y por qué? Pues ahora podemos saciar nuestra sed de curiosidad. El libro ‘Os nomes dos concellos da provincia da Coruña’, del académico de la Real Academia Galega (RAG) Gonzalo Navaza, recoge el significado de los nombres de los 93 municipios de la provincia de A Coruña.

El actual mapa de la administración local española es heredero del creado en 1835-1836, que dividió la totalidad del territorio en términos municipales, a su vez agrupados en partidos judiciales dentro de cada provincia. En lo que respeta a la toponimia, en Galicia esa división en ayuntamientos condenó la muerte numerosos corónimos o nombres de territorio, muchos con siglos o milenios de antigüedad, al perder valor administrativo las denominaciones de los viejos cotos y jurisdicciones, por lo menos en lo que se refiere a la administración civil, pues parte de ellos sobrevivieron en la administración eclesiástica.

A continuación, recogemos la toponimia de los 20 actuales concellos que conforman las comarcas de Ferrol, Eume y Ortegal, tal y como aparecen publicadas en este libro en el que se recopilan las distintas hipótesis etimológicas existentes sobre cada uno de estos topónimos y se proporcionan teorías sobre su origen y significado.

Ares

O termo municipal de Ares naceu en 1836 e incluíu as tres parroquias que no Antigo Réxime formaban a xurisdición do mesmo nome, en terra de Bezoucos. Recibe o nome do da vila e parroquia de Ares, unha das dez vilas da antiga provincia de Betanzos. Ademais de designar vila, parroquia e concello, Ares tamén está presente na denominación común da Ría de Ares, que no pasado alternaba o nome co de Ría de Xunqueiras (“de Junqueras” no Catastro de Ensenada, 1751, e no dicionario de Madoz, 1848).

Na documentación medieval, as referencias máis antigas denominan Lubre a parroquia, baixo a advocación de Santalla (Sancta Eulalia in Lubre, ano 830; sancta Eolalia de Lubre, 1134). Na actualidade Lubre é un dos núcleos de poboación da parroquia de Ares; o seu nome é un composto co coñecido elemento céltico –bre ‘castro’, presente igualmente no topónimo Maiobre, na mesma parroquia. Desde o século XII temos referencias a unha parroquia chamada Ares, baixo a advocación de San Martiño (meam porcionem eclesie sancti Martini de Aares, ano 1137).

O topónimo Ares ten orixe prerromana. Nun coñecido texto do xeógrafo latino Pomponio Mela menciónase no Golfo Ártabro galego un topónimo non identificado nun contexto que a maior parte das edicións transcriben como alia Ducamaris. O arqueólogo Luís Monteagudo, na década de 1940, suxeriu que podería tratarse dun erro de copia da tradición manuscrita e que esa cita contén a primeira mención do nome da ría de Ares baixo a forma Anaris. Dese xeito, alia Ducamaris sería un erro por aliae duae, Anaris… ‘outras dúas, Ares…’ (e a outra Xuvia, en latín Iubia, que sería o topónimo que o texto de Mela tamén reproduce erradamente como Libica ou outras variantes). Se Anaris é efectivamente o vello nome de Ares, sería un hidrónimo prelatino emparentado co nome do río da antiga Bética chamado Anas (hoxe Guadiana) ou topónimos galegos como Añobre (< Aniobre), Ombre (< Anobre), Arou (Anarou no ano 932) ou o río Dá (< de Ana). Outros autores non comparten esa lectura do texto de Pomponio Mela, mais grafías en latín medieval como Aares fan verosímil un étimo *anaris, con significado hidronímico.

Cabanas

O termo municipal de Cabanas, creado a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, acolleu parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Caaveiro e Pontedeume e ao couto de Regoela, da provincia de Betanzos. Recibiu o seu nome da vila e parroquia onde se estableceu a casa consistorial, unha das dez vilas históricas desa provincia. Desde o século XIX, o territorio do concello sufriu algunhas modificacións nos seus límites cos concellos de Fene e da Capela.

A colección documental medieval do mosteiro de Caaveiro ofrécenos rexistros escritos do topónimo desde mediados do século XII, cando a vila formaba parte do couto de Irís: ipso casale de Cabanas, ano 1153; hereditate de Cabanas de Herenes, 1154; in Besaucos et in Trasanquos, nostra porcione integra de Cabanas, 1154; Iohanne Golpe de Cabanas, 1165; villa que vocitant Cabanas discurrente ad aulam Sancti Stephani de Herenes, 1175; in terra Bisauquis in villa que vocitant Cabanas, 1221.

O topónimo contén o plural do substantivo común cabana, do latín tardío capanna, un termo de orixe prerromana, quizais céltica, que designa certo tipo de construción máis modesta ca unha casa. É relativamente frecuente na toponimia de Galicia, onde se contan máis de 150 localidades coñecidas por ese nome ou derivados, algunhas delas documentadas desde antes do ano 1000. O singular Cabana está presente no nome doutro concello da provincia.

A Capela

O concello constituíuse a raíz do Real Decreto de 23-07-1835 no territorio da antiga xurisdición e couto de Caaveiro, da provincia de Betanzos. O seu nome tomouse do da parroquia onde se instalou a casa consistorial. O termo municipal sufriu variacións desde a súa creación, pois incorporou territorio do concello de Cabanas e cedeullo ao das Pontes de García Rodríguez. A capital municipal é As Neves.

Nos rexistros máis antigos que coñecemos da parroquia da Capela, esta só se menciona como Sancto Iacobo (Santiago): pro villa que vocitant de Calavario, Sancti Iacobi, ano 936. Co substantivo capela documéntase desde o século XIII: ecclesiam Sancti Iacobi de Calavario pro capella ipsius monasterii, 1262; capella Sancti Iacobi, 1262.

O substantivo común capela é en orixe un diminutivo de capa (latín cappa) ‘peza de roupa’, pola capa que San Martiño de Tours lle ofreceu a un pobre; o termo pasou a aplicarse aos oratorios onde se conservaba como reliquia unha parte desa capa do santo e máis tarde, por extensión, a calquera oratorio ou pequena igrexa. No Nomenclátor de Galicia constan máis de corenta localidades que conteñen este substantivo no seu nome.

Cariño

Cando se constituíron os municipios, a raíz do Real Decreto de 23-07-1835, as parroquias do actual concello de Cariño, que no Antigo Réxime formaban parte da xurisdición de Santa Marta de Ortigueira, da provincia de Betanzos, encadráronse no termo municipal de Santo Adrao da Veiga. Este concello non chegou a ter vinte anos de existencia e fusionouse co de Ortigueira na década de 1850. No ano 1988 produciuse a segregación e constituíuse o novo concello de Cariño, que recibiu o nome da vila onde se estableceu a casa consistorial. Historicamente, a vila de Cariño formaba parte da parroquia da Pedra, ata que se creou a parroquia de San Bartolomeu no ano 1896.

Ademais da vila, parroquia e concello de Cariño, levan o mesmo nome senllas localidades nos concellos de Boiro (parroquia de Castro) e de Ferrol (parroquia de Doniños). O rexistro máis antigo que coñecemos deste topónimo é de comezos do século XI, na documentación do mosteiro de Xuvia: portione mea in villa de Carino, ano 1001, onde representa xa unha pronunciación coma a actual. O lugar homónimo de Boiro rexístrase tamén en latín como Carino en documentos dos séculos XII e XIII. Aínda que existiu un nome persoal de orixe latina Carinus que podería dar orixe a topónimos semellantes, os especialistas cren que os Cariño galegos son topónimos de orixe prerromana, formados a partir dun étimo *car-īno ou *carīnĭo, dunha raíz *car- ou *kar- ‘pedra, lugar pedregoso’.

Cedeira

O concello de Cedeira constituíuse en 1836 cunha parte das parroquias con que contaba no Antigo Réxime a súa xurisdición, pertencente á provincia de Betanzos. É tamén o nome da vila onde se encontra a casa consistorial. O mesmo topónimo repítese en Galicia como denominación de lugar e parroquia en Redondela e de lugares en Ponteceso e Camariñas, todos eles situados no litoral mariño.

Os rexistros escritos do topónimo remontan ao século IX. Os máis antigos non se refiren á vila de Cedeira senón ao territorio do mesmo nome, que incluía parte dos veciños concellos de Moeche, San Sadurniño e Valdoviño: sanctum Vincentium in Cetaria, ano 830; in Cetaria et in Narraone, 1101; in terra Cetaria, 1111; in territorio Cetaria et in Trasancos, 1120; in terra de Cetaria, mea porcione de Sancto Iohanne de Moeste, c.1140.

A etimoloxía comunmente admitida para os topónimos Cedeira considera que constitúen o resultado regular galego do latín cetaria, derivado de cetus ‘gran peixe, cetáceo’, e designaría lugares da costa caracterizados pola presenza de grandes animais mariños ou relacionados coa súa pesca

Cerdido

O termo municipal de Cerdido creouse en 1836 a partir das xurisdicións de Cerdido e Os Casás, pertencentes no Antigo Réxime á provincia de Betanzos. Como outros concellos rurais galegos, que foron denominados por referencia á parroquia onde se instalou a casa consistorial, o nome do concello non coincide co de ningún núcleo de poboación. A capital municipal é As Felgosas, na parroquia da Barqueira.

Coñécense rexistros escritos do topónimo desde o século XII: medietate de ecclesia sancto Martino de Cerzido, ano 1152; Affonso Fernandes, clerigo de Cerdido, 1349; Sam Martino de Cerdido, 1472; freguesía de Cerdido, 1473.

Ademais da parroquia e concello de Cerdido, o mesmo topónimo dá nome a unha aldea de Ourol, Lugo. É un fitotopónimo, que fai referencia á vexetación. O seu étimo é probablemente quercētu, derivado colectivo de quercus ‘carballo’, aínda que nestes derivados non sempre podemos descartar a alternativa de que proceda de ceresētu, relativo a cerdeiras e non a carballos.

Fene

O termo municipal, creado en 1836, constituírono oito parroquias da terra de Bezoucos que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición de Pontedeume, provincia de Betanzos. Tomou o seu nome do do lugar e parroquia que acolleu a casa consistorial. A antiga parroquia de Belelle quedou integrada na de Sillobre; a de San Valentín creouse en 1976.

Na Idade Media, o topónimo Sillobre designaba a parroquia actual dese nome (Santa Mariña) e tamén toda a bisbarra (in valle Sillovre, 1126; in terra de Sillovre, 1221), de xeito que a parroquia de Fene (San Salvador) aparece denominada ecclesiam sancti Salvatoris de Sillo- vre, 1169. Sillobre é recoñecido unanimemente como un topónimo céltico, co elemento –bre ‘castro’ que se repite en Añobre, Barallobre, Pantiñobre etc. Para o primeiro elemento do composto Sillobre, a hipótese máis difundida suxire un nome persoal de orixe latina Silius, pero podería ser un termo igualmente prerromano.

O topónimo Fene só se rexistra como nome da parroquia tardiamente: sant Salvador de Fene, 1500; san Salvador de Fene, 1507. Como un lugar de San Salvador de Sillobre rexístrase nun documento de Caaveiro do século XII, onde se fala dunha herdade chamada de Feni: hereditate pernominata de Feni […] ad ecclesiam Sancti Salvatoris de Sillovre, 1163.

Fene é topónimo único, sen paralelos na toponimia de Galicia nin na doutras áreas peninsulares. A hipótese etimolóxica máis verosímil explícao como o resultado do xenitivo Faenii dun nome persoal de orixe latina Faenius, de uso documentado en Hispania (un feminino Faenia, filla de Tito: Faenia Titi Filia CIL II 4975,23). O nome do concello tería entón orixe remota, talvez no período romano, nunha explotación agrícola (unha villa) dun tal Faenio, villa Faenii.

Ferrol

No século XVIII, pola súa condición de capital de Departamento Marítimo e a raíz da creación da base naval e mais do arsenal, a vila de Ferrol coñeceu un extraordinario desenvolvemento urbano e demográfico. O concello, creado polo Real Decreto de 1835, xa tiña precedente municipal na época medieval e era continuador da antiga xurisdición de Ferrol e A Graña, con estas dúas poboacións de carácter urbano, pertencentes á provincia de Betanzos e á diocese de Mondoñedo. As parroquias rurais da terra de Trasancos que hoxe forman parte do concello, incluídas as integradas na propia cidade ferrolá, ata o ano 1940 constituíron o concello de Serantes, anexionado polo de Ferrol nesa data.

Os rexistros documentais máis antigos que coñecemos do topónimo datan do século XI e neles xa se rexistra coa forma actual: per terminos de sancto Iuliano de Ferrol, ano 1087; Villa de Ferrol, 1111; alcaides in Ferrol, 1218; noteyro iurado do concello de Ferrol, 1261; dita villa de Ferrol, 1314; frigesía de San Giao de Ferrol, 1314; Gonzalo Dose, nota- rio del rey en Ferrol, 1346; sancti Julliani de Ferrol, 1353.

O mesmo topónimo Ferrol dá nome a lugares nos concellos de Carballo, Ortigueira e Xove. Contén o resultado do xenitivo Ferreoli dun nome persoal de posesor Ferreolus, un antropónimo de orixe latina que en Galicia tivo uso polo menos ata o século X.

Mañón

O concello creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ao Couto real de Maañón, da Provincia de Betanzos, e á xurisdición de Bares e Mogor, da de Mondoñedo. Tomou o seu nome do da parroquia onde se instalou a casa consistorial. A capital é a vila do Barqueiro.

A denominación oficial do concello foi Maañón desde a súa creación ata o nomenclátor de 1877, en que pasa a constar como Mañón. O topónimo aparece sempre como trisilábico na documentación histórica, aínda que non dispoñemos de atestacións tan antigas coma as doutros topónimos do termo municipal, referidas ao río Sor (Saure, ripa Saure, ano 747), Bares (Varis, 916), Mogor (cautum de Moogorum et de Varis, 1156; Moagorum, 1286) etc.

Mañón é topónimo de orixe descoñecida, quizais prerromana, pero non se pode descartar que teña orixe nun nome persoal altomedieval como Melanione (Melanio documéntase en Galicia no século X) ou outro semellante. A forma trisilábica Maañón, que sobreviviu na fala ata a actualidade, esixe un étimo cunha consoante intervocálica perdida.

Moeche

A raíz do Real Decreto de 23-07-1835, o termo municipal de Moeche creouse en 1836 con parroquias pertencentes no Antigo Réxime ás xurisdicións de Moeche e de Cedeira, da provincia de Betanzos. O nome do concello, continuación do da xurisdición, está presente tamén en tres da súas parroquias: San Xoán, San Xurxo e Santa Cruz de Moeche. O territorio que ocupa viña denónimandose desde tempos remotos Labacengos (Lamacengos, Lapatiencos, 572; Lavazengos, 830; Labacencos, 915), nome que perdura no dunha das parroquias do concello.

O topónimo Moeche contén o resultado do latín modesti, xenitivo do nome persoal de orixe latina Modestus, e faría referencia a un posesor ou señor local chamado Modesto. Os rexistros medievais confirman esa etimoloxía: villam Modesti, 977; Suerius Moogo de Moesti, 1192.

Monfero

O termo municipal de Monfero creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Caaveiro e de Monfero, da provincia de Betanzos. O nome do concello está tamén presente no nome de dúas parroquias: San Fiz de Monfero e Santa Xiá de Monfero. A capital municipal é Rebordelo, en San Fiz.

Dispoñemos de rexistros medievais do topónimo desde o século XII: ecclesie sancte Marie de Monfero, 1135; Montifero, 1136; monasterium sancta Maria de Monte Fero, 1142; in Montefero, que vulgo dicitur Monsferus, 1152; abbatiae de Montefero, 1213.

Monfero é un composto do substantivo monte (latín mōnte) e o adxectivo fero (latín fĕrus). Este adxectivo seguramente tivo no topónimo un significado orixinario de ‘bravo’, aplicado a un territorio pouco intervido pola man humana. Nos topónimos galegos compostos de monte máis un segundo elemento, o habitual é que o substantivo manteña a forma plena, bisilábica, monte– (Monteagudo, Montealegre, Monte Calvo, Montederramo, Montefurado, Monteseiro…); aínda que non faltan exemplos coma este, coa forma apocopada en Mon– (Moncalvo, Monseiro, Monfero…).

Mugardos

O termo municipal creouse en 1836 co territorio do que fora o couto de Mugardos xunto con tres parroquias da xurisdición de Pontedeume. Coma o resto do territorio da península de Bezoucos, no Antigo Réxime pertencía no civil á provincia de Betanzos e no eclesiástico á diocese de Mondoñedo. Mugardos era unha das dez vilas da antiga provincia de Betanzos.

Na documentación medieval xa aparece o topónimo coa forma actual: in villa Mugardos, territorio Bisaquis, ripa flumen Iubie, discurrentem ad aulam sancti Iuliani, 1067; villa de Mugardus, 1097; illam villam de Mugardus, 1102; San Giao de Mugardos, 1111; territorio Bisauquis, villa nuncupata Mugardos discurrente ad aulam sancti Iuliani, 1226; san Juyao de Mugardos, 1240; san Giao de Mugardos, 1314.

É un topónimo de orixe e significado descoñecidos para o que se teñen suxerido diferentes hipóteses etimolóxicas. Unha delas supono alteración de Morgados, sexa plural do substantivo morgado (latín maioricatu) sexa o resultado do antropónimo Maurecatus, mais a forma con que se rexistra o topónimo nas atestacións medievais fan improbable esta etimoloxía. Outras hipóteses considérano de orixe prerromana, coa raíz presente en topónimos como Mugares ou Muguiña, de posible significado orográfico ‘elevación do terreo’, quizais relacionados co éuscaro muga ‘marco, demarcación, límite’.

Narón

O concello de Narón creouse a raíz do Real Decreto de 1835 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Pedroso, Trasancos, Narón, Sedes e O Val, provincia de Betanzos e diocese de Mondoñedo.

Disponse de abundantes rexistros do topónimo desde o século XI: ecclesia de sancti Iuliani de Naraón, ano 1075; in Cetaria et in Narraone, 1101; sancti Iuliani de Naraon, 1110; villa Narón, 1111;  monasterio  sancti  Iuliani de Naraon, 1170; Sancto Iuliano de Naraon, 1186; Narahon, 1188; in territorio Trasanchos, villa que dicitur Naraone de Susano, concurrente ad aulam sancti Iuliani, ripa fluminis Iubie, 1216; Munio Gundisalvi de Naraon, 1216; Naraon, 1247; san Giaao de Narón, 1488; Narón, 1502.

O topónimo ten suscitado diversas hipóteses etimolóxicas. A que conta con maior aceptación considérao de orixe prerromana e significado hidronímico, a partir dun étimo *Naraone. Sería un derivado dunha raíz Nar– ou Nara– ‘auga, río’, presente en nomes como Naraío, Neira (Naria, ano 1110) ou Naraia. Un afluente do río Navia en Becerreá recibe o mesmo nome de Narón. Narón puido ser en tempos remotos o nome orixinario do curso fluvial hoxe coñecido como río Salgueiro.

Neda

O concello de Neda constituíuse a raíz do Real Decreto de 23-07-1835 coas parroquias das antigas xurisdicións de Anta e Viladonelle e mais de Neda (Santa María e San Nicolás), provincia de Betanzos e diocese de Mondoñedo. No Antigo Réxime, Neda era unha das dez vilas da provincia de Betanzos.

O nome rexístrase desde o século X: Aqua de Neda / de Nida ca. 936; flumes Narayo et Nepta, 1096; in Neda, 1111; prior sancti Martini de Neda, 1153; illa directura de sancti Martini de Neda, 1163; Menendus Froyle clericus de Nida, 1217; clerigos de Neda, 1269.

É un topónimo de etimoloxía escura ou controvertida. Neda é tamén o nome dunha aldea da parroquia de Arxemil no concello lugués do Corgo, mais non podemos ter certeza de que responda á mesma orixe. Nos rexistros máis antigos, o nome aparece aplicado a un curso fluvial, o que fai probable un significado hidronímico. As hipóteses que o relacionan co latín amnis ‘río’ ou coa correspondente forma prerromana presente no nome do amieiro ou ameneiro esixen un étimo *Amnēta, onde se perdería a vogal inicial interpretada como artigo. Para a homónima aldea do Corgo tamén se suxeriu a posible orixe a partir dun nome persoal Neta.

Ortigueira

O concello, creado a partir do Real Decreto de 23-07-1835, denominouse nun principio Santa Marta de Ortigueira, mantendo o nome da xurisdición e o da vila, que xa contaba con tradición municipal desde a Idade Media. No Antigo Réxime era unha das dez vilas da provincia de Betanzos. Das parroquias que formaban esa xurisdición, a metade pasou a integrar o novo concello de Santa Marta de Ortigueira; o resto constituíu os concellos de Couzadoiro, Santo Adrao da Veiga e Os Freires. Antes de cumpriren dúas décadas de existencia, produciuse a fusión dos catro concellos para crear o de Ortigueira, e con ese nome figura nos censos e nomenclátores desde o de 1857.

En 1988, cinco parroquias da beira occidental da ría (Cariño, Feás, A Pedra e Sismundi) segregáronse para crear o concello de Cariño. Dispoñemos de abundantes rexistros medievais do topónimo. Velaquí algúns exemplos: in Ripa de Saur in Urticaria, 897; Orticaria, 929; Ortigueyra, 1262; terminos de Çideyra et d-Ortigueyra, 1273; Roy Peres, arcipreste de Ortigueyra, 1284; no couto d-Ortigueira, 1299; santa Marta de Hortigueyra, 1487; vila de santa Marta d-Ortigueira, 1488…

Ortigueira, coma o nome da comarca, Ortegal, é un fitotopónimo, un nome de lugar que fai referencia á vexetación. Contén un derivado de ortiga (< latín urtīca), polo que corresponde a un étimo latino urticaria e designaría en orixe un lugar onde abundaban esas plantas.

Pontedeume

Pontedeume era no Antigo Réxime unha das dez vilas da provincia de Betanzos e xa tiña longa tradición municipal desde a Idade Media cando se creou o actual concello, no ano 1836, formado por un terzo das parroquias que pertenceran á súa xurisdición. No último terzo do século XIX, o veciño concello de Vilarmaior estivo agregado ao de Pontedeume antes de segregarse de novo.

A vila recibiu carta foral do rei Afonso X no ano 1270. As atestacións medievais mostran que daquela era común o uso do artigo feminino co topónimo: Pedro Gonçalves notario del Rey enna Pontedeume, 1299; Johán Peres, notario da Pontedeume, 1312; Johán Martínez, mançebo, morador da Pontedeume, 1312; conçellos de Pontedeume et Vilalva et Ferrol, 1416; enna villa da Pontedeume, 1460; etc.

O nome da vila e do concello vén motivado pola célebre ponte sobre o Eume. O nome deste río, coma o de case todos os ríos de certa importancia, ten orixe milenaria, prerromana; asóciase a un tema hidronímico Um-, dunha raíz indoeuropea *WEGW- que significaría ‘humido’. Rexístrase na documentación de Caaveiro desde o século VIII xa coa grafía actual: flumine Eume, 714; rivulo Eume, 890; fluvio Eume, 914; flumen Eume, 933; rivulum de Eume, 936 etc.

As Pontes de García Rodríguez

O termo municipal das Pontes de García Rodríguez, creado en 1836, constituíano parroquias que no Antigo Réxime pertenceran á xurisdición da propia vila das Pontes, que xa contaba con tradición municipal desde a Idade Media. Outras parroquias que no pasado pertenceran á xurisdición de Caaveiro e, desde o século XIX, ao veciño concello da Capela, incorporáronse ao concello das Pontes en 1982.

O hidrónimo prerromano Eume, presente no nome de dúas parroquias do concello (Eume, Ribadeume) tamén o estivo no nome medieval da vila como segundo elemento do composto As Pontes de Eume: inter Roupar et Pontes de Eume, 1223; per ipsa verea de Pontes de Eume, 1223; Pontes de Eume, 1238; ad Pontes de Heume, 1244; ex Pontes de Eume usque ad monasterium sancti Iohannis, 1248; ex Pontes de Eume et ex Recimel, 1248; pela talega das Pontes, 1252; das Pontes de Eume, 1270; Notario puplico dado del Rey enas Pontes de Eume, 1270; Johan Gotherrez et Johan Rodriguez alcaydes das Pontes d’Eume, 1282.

No ano 1376 recibiu do rei o señorío da vila o cabaleiro García Rodríguez de Valcarce, e del procede a segunda parte actual do topónimo composto, que se documenta desde o século XV: de Vilalva et das Pontes de Garçia Rodriguez et de Ferrol, ano 1431. O nome completo é propio de rexistros formais, na fala úsase simplemente As Pontes.

San Sadurniño

O termo municipal creouse agrupando parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de San Sadurniño (San Sadurniño e Santa Mariña do Monte) e Naraío (Naraío, Ferreira, Igrexafeita e Lamas), ademais da parroquia de Bardaos que pertencera á xurisdición de Cedeira, todas elas territorio da antiga provincia de Betanzos. Coma noutros municipios galegos, o nome do concello non se correspondía inicialmente co de ningún núcleo de poboación concreto, senón co nome da parroquia onde se estableceu a casa consistorial.

Ademais de estar presente na denominación do concello e da parroquia de San Sadurniño, o topónimo repítese como nome de parroquia en Sarria, Lugo, e de tres lugares nos concellos coruñeses de Carballo e do Pino e no lugués do Saviñao. San Sadurniño é ademais advocación relixiosa de cinco parroquias galegas.

Dispoñemos de rexistros escritos relativos á parroquia de San Sadurniño desde o século IX; nos séculos XII e XIII foi sede dunha bailía da Orde do Temple. Velaquí algunhas atestacións medievais do topónimo: sanctum Saturninum iuxta fluvium Iubia, 830; sanctum Saturninum in Grana, 830; in terra de Trasancos do vobis Sanctum Saturninum, 1112; ecclesiam de sancto Saturnino de Trasanchos, 1126; frater Martinus, commendatore Sancti Saturnini, 1248; fratri Didaco de Sancto Saturnino, 1310; Diego, comendador da Vailía de San Sadornino, 1312; San Sadorniño, 1448; San Sadornino, 1488; San Sadurniño, 1502; San Sadornino, 1527.

Sadurniño é o resultado galego do nome latino Saturninus, derivado do teónimo Saturnus. O culto do santo cristián dese nome estendeuse desde o sur de Francia na Alta Idade Media e volveu coñecer nova difusión séculos máis tarde a través do camiño de Santiago.

As Somozas

O concello creado a raíz do Real Decreto de 23-07-1835 estaba constituído polas freguesías de Santiago Seré das Somozas e Recemel, que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións das Somozas e Meroi e de Naraío, da provincia de Betanzos; no eclesiástico, á diocese de Mondoñedo, coma na actualidade. As actuais parroquias de Seixas e As Enchousas creáronse a finais do século XIX en territorio da de Santiago Seré das Somozas.

Na Idade Media, o topónimo As Somozas designaba un territorio que superaba os límites do termo municipal actual, segundo vemos na documentación: in territorio Semozas, subtus monte Sancti Vicentii, secus flumen Iuvia, 1101; Sancto Iohanne de Moestii et villar de Somoszas, 1159; in Semozas de Trasanquis, 1162; in terra de Pluciis, de Nendis, de somociis, 1230; o meu quinón da casa de Moesche, con todallas outras cousas que eu ey ennas Somoças, 1323; Santa Crus de las Somoças, 1488…

O Nomenclátor de Galicia recolle tres parroquias e once lugares chamados Somoza ou A Somoza, e o mesmo topónimo tamén ten presenza na toponimia asturiana e leonesa. Conteñen o resultado do latín sub mōntĭa ‘ao pé dos montes’.

A actual parroquia das Somozas aparece denominada desde a Idade Media como Santiago de Seré ou Santiago (de) Seré das Somozas: Santiago de Seree, 1487; Santiago de Seree, 1488; Santiago Seree, 1506; Santiago de Seré, 1527, 1594. Seré é probablemente o resultado do xenitivo sigeredi dun nome medieval de posesor Sigeredus, ou propiamente da súa variante popular Seereo, o mesmo nome dun tal don Seereo do século XII: dono Seereo, alias Segeredo, ille qui fundavit Monasterium de Cinis, 1136 (‘don Seereo… o que fundou o mosteiro de Cis’). Na documentación medieval rexístrase na zona o correspondente apelido patronímico Sereeiz, formado a partir do mesmo nome.

Valdoviño

O concello de Valdoviño creouse en 1836 con parroquias que no Antigo Réxime pertenceran ás xurisdicións de Trasancos e de Cedeira, ambas as dúas na provincia de Betanzos e na diocese de Mondoñedo. O concello recibiu o seu nome do da parroquia destinada a albergar a casa consistorial.

Na época medieval, o nome da parroquia de Valdoviño era Santalla (ou Sancta Eulalia, en latín) de Aviño (Avinio), compartindo este nome coa veciña de Aviño, San Miguel (hoxe desaparecida; xunto coa de Atios, San Mamede, quedou integrada na de Santalla). Rexístrase con esa denominación desde o século XII ata comezos do XVII: ecclesie sancte Eulalie de Avinio, 1110; ecclesia sancti Eulalie de Avinio, 1114; in territorio Trasancos, discurrente ab ecclesia sancte Eulalie de Avino, 1137; de ecclesia sancte Aeulalie de Avinio, 1171; villa que vocitant Pousada de Avino in territorio Trasanquis, discurrente ad aulam Sancti Michaelis, 1172; Rodericus Maurus miles de Avinu, 1206; Sant Miguel d-Aviño, 1488; Santalla d-Avinno, 1506; Santa Eulalia de Aviño, jurisdicción de Trasancos, 1616…

Aviño é moi probablemente un hidrónimo de orixe prerromana, da mesma raíz ca Avia ou Aveiro. A hipótese etimolóxica máis aceptada considera que Valdoviño é Val + de + Aviño. Obxectóuselle que nin a orografía do lugar permite falar dun val nin hai un río Aviño que xustifique o nome, pero hai paralelos do uso de Val na zona para referirse a parroquias contiguas coñecidas por nomes que só se diferencian na advocación (cf. Val de Sillobre para os antigos Santa Mariña, San Xiao e San Salvador de Sillobre, en Fene).

Á luz da documentación coñecida, Valdoviño non é un topónimo antigo ou medieval senón unha creación tardía, quizais do século XVII. Tense suxerido que na alteración da vogal de *Valdaviño en Valdoviño puido interferir o nome persoal Baldovino, Valdovinos. No Catastro de Ensenada (1752) consta indistintamente con B– e con V-. Logo da creación do termo municipal, figurou como Baldoviño no censo de 1842; nos seguintes, Valdoviño.

 

 

 

Salir de la versión móvil