O Concello de Narón construirá un novo parque infantil no lugar de Vilacornelle, na parroquia do Val. Así o anunciou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que recordou que as empresas interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro día 29 deste mes -ás 23.59 horas- para presentar as súas ofertas, podendo consultar a información ao completo na Sede Electrónica do Concello, a través do enlace: https://cutt.ly/lfHXoY3.
Unha tirolina no novo parque
O parque construirase sobre unha parcela de titularidade municipal, nas inmediacións do consultorio do Sergas, o colexio do Val, o local social e a pista polideportiva da citada parroquia, segundo avanzou a rexedora local. En canto ás obras proxectadas, habilitarase unha zona acotada cunha tirolina e, en canto ao mobiliario a instalar, avanzou que constará dun columpio dobre, outro de serpe e unha vagoneta.
«Unha vez que se adxudiquen as obras, a empresa disporá dun prazo de dous meses para executar os traballos contemplados neste proxecto co que, se todo avanza segundo as previsións actuais, este mesmo ano as veciñas e veciños do Val disporán deste novo espazo de lecer», asegurou a alcaldesa.