Esta semana o Centro Cultural Carvalho Calero recibiu á concelleira de Obras para observar como se están a realizar os traballos de reparación da antiga cuberta. O mal estado no que se atopaba facía necesaria unha intervención que evitase as continuas filtracións da auga de choiva que durante estes anos acabaron por deteriorar boa parte do interior das instalacións.
Nestes momentos, a adxudicataria das obras está levando a cabo a substitución de elementos translúcidos da cuberta. Esta intervención conta cun orzamento superior aos 126.000 euros e está previsto que a súa duración aproximada sexa de dous meses. A intención é que o centro cultural non volva sufrir os efectos das choivas este inverno tal e como viña ocurrindo nestes últimos anos.
A edil percorreu o interior do edificio acompañada de representantes da asociación veciñal do Inferniño e técnicos municipais para tomar nota de todas as deficiencias causadas polas filtracións de agua. Unha vez que a cuberta estea arranxada, o obxectivo é corrixir todos estes problemas para volver en poñer en funcionamento as zonas que na actualidade non están en uso. A edil de obras explicou que a reparación da cuberta do Carvalho Calero ten gran complexidade.
A súa execución xa estaba contemplada no 2016, pero non foi posible debido a complicacions de carácter técnico. Esas modificacións que se están a realizar implican un incremento significativo do importe respecto da primeira adxudicación, a cal roldaba os 90.000 euros.