Cristina Fonte, hematóloga: “O tratamento con plasma é relativamente sinxelo e acurta considerablemente os tempos de recuperación”

A médico ferrolá traballa no equipo do hospital de Vigo que probou por primeira vez esta terapia experimental nun paciente ingresado en UCI

A hematóloga ferrolá Cristina Fonte forma parte do equipo médico do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) que decidiu usar por primeira vez en Galicia un tratamento de plasma de curados contra o Covid. “É relativamente sinxelo e os resultados poden ser moi beneficiosos para os doentes con graves problemas respiratorios”, explica a facultativa.

Esta ferrolá de 36 anos traballa desde hai cinco no departamento de hematoloxía do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que se convertiu no primeiro centro en probar este tipo de tratamento en Galicia e nun dos primeiros de toda España. “Ata este momento se realizaran algúns ensaios clínicos en Madrid e noutros países, como Estados Unidos, con resultados que nos parecían moi positivos. Parecía que podía funcionar”, comenta a doctora Fonte.

O tratamento consiste en “coller os anticorpos que xerou un paciente curado e transfundilos a outro”. Con isto, conseguen “pasar a inmunidade” dunha persoa a outra e, así, acortar os tempos de recuperación. “Isto non quita que non haxa que usar outros tratamentos, como antivíricos, pero é unha axuda que está resultando fundamental, especialmente naquelas persoas con complicacións respiratorias”.

“O noso traballo consiste en analizar os plasmas e ver cales poden ser os de máis calidade e poden ter o maior número de anticorpos. Ademais, temos que realizar unha evaluación dos posibles doantes e ver a súa idoneidade”. As mostras son xestionadas polo Centro de Transfusión de Galicia, hoxe renomeado como Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), de Santiago de Compostela.

O primeiro e ata agora único paciente que recibiu esta terapia experimental foi un home de 72 anos ingresado na UCI cunha neumonía bilateral e que non respondera positivamente aos tratamento convencionais. “As primeiras reaccións son boas, parece que funciona, pero aínda lle queda moito por mellorar”, explica a hematóloga ferrolá.

Aínda que o equipo no que traballa Cristina Fonte foi o primeiro en aplicar este tratamento, a previsión é que se realicen máis ensaios clínicos e, a curto prazo, o resto de área sanitarias vaian incorporando este tipo de terapias. Na de Ferrol, actualmente, están buscando doantes para poder facerse cunha ampla mostraxe de cara a un posible segunda oleada da pandemia.

 

Salir de la versión móvil