Narón anunciou a actuación do grupo de música galega Dequenvessendo, prevista para o vindeiro 20 de setembro ás 12.00 horas no parque fluvial de Freixeiro. A edil naronesa encargada da área de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha proposta concedida ao Concello pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e que coincidiría no tempo e espazo coa celebración da “Festa do Xogo” organizada polo Concello.
«A través desta actividade apostamos por dinamizar o uso da lingua galega, neste caso a través dunha proposta musical dun grupo cun marcado carácter folk e moi recoñecido no panorama galego», apuntou. Bieito Romero, Irene Cerqueiro, Pablo Rosales, Nathael Regueiro, Miguel Ocampo e Miguel Rosales integran a formación Dequenvessendo, que interpretará na cidade temas do seu álbum «Cantos das xacias».
Non será preciso inscribirse previamente para poder asistir, se ben se instalará unha zona con cadeiras para o público e se establecerán as pertinentes medidas sanitarias de prevención fronte á Covid-19, que deberán cumprir todas as persoas que acudan ao concerto e tamén á Festa do Xogo prevista para o vindeiro 20 de setembro en Freixeiro.