Continúa descendendo a curva dos casos activos por coronavirus nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Segundo os últimos datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública, a área sanitaria de Ferrol conta a día de hoxe con 140 persoas contaxiadas, sete menos que onte.
Tamén disminuiron os casos activos hospitalizados. Se onte se contabilizaban 11 hoxe son só 5, mentres que as UCI pasan de 4 a 3. En total, 379 persoas superaron xa o virus nas comarcas dende os primeiros diagnósticos a mediados de marzo. O resto de infectados, 132 persoas, atópanse en corentena do seus domicilios.
A única lectura negativa desta crise foi a xornada tráxica de onte en canto a falecementos, que xa foi o día que máis mortes se rexistraron por Covid-19 dende o inicio da pandemia, cun total de 4 falecidos: dúas mulleres de 74 e 87 anos e dous homes de 88 e 74 anos, todos eles ingresados no CHUF e con patoloxías previas. En total, son 31 falecidos ata o momento vítimas do coronavirus na área de Ferrol.