A situación epidemiolóxica na área sanitaria de Ferrol, e máis concretamente os concellos do entorno da ría, parece descontrolada desde o pasado 10 de outubro. Son xa doce días nos que o número de contaxiados non deixou de medrar ata acadar os 283 casos dos que informa o Sergas actualmente. Nas últimas 24 horas volvéronse disparar os novos casos detectados por PCR, que foron 35.
Ademáis continúa empeorando a situación hospitalaria. Son xa 17 persoas ingresadas na séptima planta do Marcide con dificultades respiratorias e dúas máis na UCI. Onte pola tarde, o Sergas informou dunha nova vítima mortal do Covid, unha muller de 85 anos que se atopaba en planta. Con ela xa son 36 os falecidos durante esta pandemia na área sanitaria de Ferrol. En términos globais, segundo os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública, desde o inicio da crise sanitaria xa se produciron nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 1.400 contaxios, dos cales 1.081 xa están curados.
O aumento de casos fixo que nas últimas 24 horas o municipio de Neda pasase de alerta amarela a laranxa ao acumular nos últimos sete días entre 14 e 21 casos de Covid-19. Únese así a Fene e Ferrol, que tamén están en nivel dous. Narón continúa coa peor taxa da comarca e está no nivel de máxima alerta, vermella, mentras que Pontedeume mantense en nivel 1 cun acumulado de entre 7 a 14 casos na última semana.
Preocupa tamén a situación nos centros escolares da área sanitaria. No concello de Ferrol xa son 14 os colexios ou institutos onde se rexistrou polo menos un caso de coronavirus. E no total das tres comarcas xa se superan os 35, con especial incidencia nos municipios máis grandes como Narón, Fene ou As Pontes. O área sanitaria ten, de feito, unha das maiores porcentaxes de escolares infectados de Galicia: case 13 de cada 100 contaxiados son alumnos.