Dispárase a demanda de aluguer de casas con campo, piscina e preto da playa. Son moitos os galegos que buscan unha segunda vivenda, aínda que madrileños e cataláns acaparan tamén a demanda. «Nunca vimos algo parecido», explica Pablo López, xerente de AM Inmobiliaria. «En tres semanas recibimos máis de 150 peticións de casas de campo. A xente teme que se produza outro repunte e non quere quedar confinada nun piso».
Galicia e a costa de Ferrolterra estanse posicionando este verán como un dos destinos turísticos máis atractivos de España e tanto os propios galegos como os turistas, principalmente de grandes cidades como Madrid ou Barcelona, acaparan xa a oferta de aluguer e de reservas nas localidades costeiras. A demanda colapsou: «Non hai ningunha casa, xa non nos chegan ás inmobiliarias, alúgaas o propietario directamente. Hai cola para zonas como Ares, Valdoviño, O Seixo, Covas, Doniños ou Esmelle», apuntan desde a inmobiliaria.
Na comarca, Ares é unha das poboacións que esperta maior interese. «A xente vén con afán de zona de veraneo completo, como Ares, que ten todo no pobo, unha praia urbana tranquila, de familia, e posibilidades de pasear polos roteiros da contorna», comenta desde a inmobiliaria Sanmartín.
As casas con xardín son as máis solicitadas este ano, non só para arrendamentos estivais. Ao redor dun 30% está pensando en trasladarse a longo ou medio prazo, segundo explican as axencias da cidade. «Moita xente da comarca, tras os meses de confinamento, está pensando en trasladarse máis tempo a casas con leira e agora non hai nada libre. A esa xente estámoslle recomendando que busquen a partir de setembro ou outubro», sinala Pablo López.
Cedeira é outro dos destinos tradicionais dos veraneantes da capital, moitos con vivenda en propiedade. «Os que chaman para lugar, piden casas, pero como temos poucas, válelles un apartamento. Hai máis demanda que inmobles», aseguran na inmobiliaria Rey Álvarez. Entre as novidades deste ano figura unha cláusula nos contratos de arrendamento que estipula a devolución do adianto «en caso de forza maior», por se a curva de contagios cambia de tendencia.