Tódolos indicadores confirman que a situación epidemiolóxica da área sanitaria de Ferrol nesta segunda onda de coronavirus empeoran significativamente día a día. Aínda que en termos absolutos a indicencia acumulada nos últimos 14 días (120 casos por 100.000 habitantes) é inferior á media galega (172), a evolución dos contaxios continúa a ser a peor da comunidade.
Ademáis, nos últimos dous días rexistráronse máis casos graves e hoxe xa son once as persoas ingresadas no Arquitecto Marcide con dificultades respiratorias e dous doentes na Unidade de Coidades Intensivos (UCI). Nos últimos dez días tamén se rexistraron dúas novas mortes de persoas contaxiadas por Covid-19, algo que non sucedía desde maio.
O número de casos activos continúa a crecer e xa son 238 os veciños e veciñas das comarcas contaxiados, 16 máis que onte, xa que nas últimas horas se detectaron mediante PCR 24 novos casos e se deron 8 altas epidemiolóxicas. A maior incidencia continúa a aglutinarse en torno á ría de Ferrol.
Por municipios, a peor situación atopámola en Narón, que está en alerta vermella (nivel tres), ao rexistrar máis de 21 casos e ter menos de 50.000 habitantes. Ferrol, que ten entre 38 e 76 casos por 100.000 habitantes, e Fene (entre 14 e 21) seguen en alerta laranxa ou nivel 2, Neda (entre 7 e 14) atópase en nivel 1 ou alerta amarela. Ademáis, nas últimas 24 horas a Dirección Xeral de Saúde Pública tamén incluíu a Pontedeume en alerta amarela ao rexistrar na última semana entre 7 e 14 casos.