Unha nova oportunidade para descubrir pedaleando a paisaxe e a riqueza natural de Covas e de Esmelle. Equiocio seguirá apostando por fomentar o deporte en contacto coa natureza na súa edición 2020, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto no Campo de As Cabazas. O evento será o seu roteiro BTT, apta para todos os públicos e con propostas específicas para os máis pequenos da casa.
Tras o éxito dos anos anteriores, as actividades destinadas a potenciar o deporte en bicicleta todoterreo volverán estar lideradas polo Centro de BTT Valle de Esmelle, o cal conta cunha ampla traxectoria na organización de eventos deportivos en plena natureza. Neste caso, a aposta central será un itinerario de 15 quilómetros, accesible para toda a familia -nenos desde os 6 anos que saiban manexar a bicicleta con autonomía- e guiado por monitores da entidade.
Esta proba deportiva, de carácter gratuíto e non competitivo, terá lugar o 8 de agosto ás 11.00 horas, e a saída será desde o campo de As Cabazas, epicentro da actividade de Equiocio. Para participar será preciso inscribirse previamente,xa que o evento ten unha limitación ata os 80 participantes. Por iso, e tamén para planificar as medidas de seguridade e hixiene precisas, a organización abre desde hoxe o prazo para anotarse a través dos correos [email protected] ou [email protected].
O roteiro, sen grandes subidas, levará aos participantes a percorrer camiños naturais situados na contorna de As Cabazas, entre eles as terras de Esmelle e de Covas. Deste xeito, os ciclistas non só realizarán exercicio, senón que a súa actividade verase enriquecida por unha visita panorámica por ambas as parroquias ferrolás, mostrando o gran potencial para a práctica deste deporte durante todo o ano.
E para os nenos de entre 6 e 12 anos, o Centro BTT Valle de Esmelle organizará na primeira tarde do certame ecuestre, unha gymkhana non competitiva chea de obstáculos, que permitirá que os pequenos gocen ao máximo do seu paso por Equiocio. Os únicos requisitos para participar, á marxe da idade, son saber andar en bicicleta e que acudan con ela ao certame ecuestre. Tamén neste caso será preciso apuntarse, cunha limitación de aforo de 40 persoas.