Esperanzador este segundo día consecutivo de descenso de positivos na área de Ferrolterra, cun total de 172

Tanto os datos rexistrados nos centros hospitalarios como educativos das comarcas mantéñense estables, con 8 hospitalizados e 6 escolares contaxiados

Segundo día consecutivo na área sanitaria de Ferrolterra onde o coronavirus parece dar un respiro a pesar de atoparnos nun dos momentos máis delicados deixados pola pandemia. Segundo os datos arroxados pola Dirección Xeral de Saúde Pública de Galicia, o número total de casos activos pola Covid-19 sitúase en 172.

12 curados e 5 novos positivos

O número de pacientes que superaron o virus nesta nova xornada é unha boa noticia, pero mellor é se cabe a cifra total de novos casos, un total de 5. En comparación coas anteriores xornadas, este dato é moi esperanzador posto que a media contabilizada ata o de agora rondaba os 10 positivos diarios. Coas altas epidemiolóxicas deste venres 25 de setembro son un total de 865 os casos non activos ou curados.

Con respecto aos datos referidos as probas médicas realizadas para a detección da Covid-19, estanse a facer diariamente máis de 240 mostras epidemiolóxicas entre a poboación. Dende o inicio da Covid-19, na área de Ferrolterra lévanse feitas preto de 30.000 probas, cunha incidencia de positivos dun 3,6%.

Estabilidade nos hospitais e nos centros educativos

O peche desta semana é positivo en todos os ámbitos, posto que tanto nos centros hospitalarios como nos escolares a actividade provocada polo virus estase mermando. No referido aos hospitais, as cifras de pacientes ingresados no Hospital Arquitecto Marcide non variou con respecto a onte, cun total de 8 persoas que debido ás complicacións dos seus síntomas están a precisar asistencia médica. Destes 8 pacientes 6 están en unidade de hospitalización, e os 2 restantes na unidade de coidados intensivos.

Xa no que atinxe ao ámbito educativo, a preocupación xerada nos últimos días pola cifra total de 6 escolares contaxiados parece minguar, aínda que non deixa de estar latente. Ata o momento había un total de 5 escolas con positivos nas súas aulas: dous positivos en Narón -1 no CEIP de Piñeiros e 1 no CPI do Feal, un en Fene -IES de Fene-, un en Ferrol -IES Leixa- e un último no municipio de Ares -CPI As Mirandas-.

Estes datos mantense intactos un día máis, e a única nova sen aclarar é o positivo rexistrado no IES Leixa de Ferrol, posto que nos pasados días mediante un comunicado público o propio centro desmentiu calquera posible contaxio na súa institución educativa, pero as cifras oficiais do SERGAS segue a manter a incertidume.

Salir de la versión móvil