O vindeiro venres 25 de setembro remata a presentación de imaxes ao «XI Concurso de Fotografía Cidade de Narón», segundo recordou a concelleira de Turismo, Natalia Hermida. O certame repartirá tres premios, de 750, 300 e 150 euros entre as tres que reciban a mellor puntuación dun xurado especializado.
As bases ao completo deste concurso municipal pódense consultar a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Bases-XI-Concurso-de-Fotografia-Cidade-de-Naron.pdf e as imaxes deben presentarse no Rexistro do Concello, de luns a venres, entre as 8.30 e as 13.00 horas.
Requisitos do certame fotográfico
Un dos requisitos da convocatoria é que o lugar ou entorno que apareza na imaxe pertenza ao termo municipal naronés, recoñecéndose como tal. Así mesmo, entre as temáticas sobre as que se poderá elixir están: humana e social -ámbito veciñal, deportivo, industrial, festas populares…-; espazos naturais de interese, de lecer, culturais e tecnolóxicos ou patrimonio monumental, arqueolóxico e etnográfico.
O impacto visual, a calidade técnico artística e a creatividade serán os criterios que valorará o xurado. Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, en cor ou branco e negro, que deben cumprir todos os requisitos estipulados nas bases desta convocatoria. As doce imaxes con maior puntuación ilustrarán o calendario de sobremesa que editará o Concello de Narón para o ano 2021.
As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao correo electrónico: [email protected] ou chamar ao número de teléfono: 981 337 700 -extensión: 1502-.