Este fin de semana Narón, Neda, Cedeira, Valdoviño e Esmella acollen de venres a domingo diferentes actividades culturais que van dende as representacións de teatro e charlas ata o deporte.
A Biblioteca municipal de Narón continúa esta semana, ata o vindeiro venres, desenvolvendo a actividade ‘Trocolibro’. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, recordou que todas as persoas interesadas en recoller ou deixar, de balde, algún libro no centro poden facelo no horario de apertura. Nunha mesa instalada para a ocasión na planta baixa, ao igual que en anteriores edicións, hai unha escolma de libros que non se incorporaron aos fondos bibliotecarios e que se destinaron a esta proposta.
Taibo indicou que cada persoa pode levar ou deixar un máximo de dous libros diarios, podendo participar nas ocasións que estimen oportunas ao longo desta semana. O ‘Trocolibro’ iniciouse o pasado luns e forma parte dos actos programados con motivo do Día Internacional da Biblioteca, que se conmemorará este sábado, día 22, na Praza de Galicia.
Así mesmo o venres -11.00 horas- haberá unha visita guiada á Biblioteca municipal, dirixidas a persoas de todas as idades. As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito presencial ou chamando ao centro, ao número 981 382 173. Nos percorridos os asistentes coñecerán as diferentes estancias e servizos que se prestan nas instalacións.
Presentación de libros este venres en Neda
A Casa das Palmeiras acollerá este venres 21 de outubro o acto de presentación conxunto das últimas obras literarias dos escritores María Isabel Ramos Breijo e de Juan Galán. A autora dará a coñecer algunhas claves da súa obra de relatos ‘Hasta el infinito y más allá’, editado por Círculo Rojo, e o escritor abordará a súa novela ‘El eco de tu voz’, editado por Medulia. Será a partir das 20:00 horas, nun acto con entrada libre.
Charla ‘O final da caza de baleas’ online este venres
O 21 de outubro celebrase en Galicia o Día da Balea, en recordo da data en que foi cazada a última balea nas augas galegas, no ano 1985. Este venres contarase coa charla ‘O final da caza de baleas’ impartida por Xosé Manuel Penas Patiño e Xan Rodríguez Silvar da Sociedade Galega da Historia Natural. Falarase dese fin da cazae da importancia do movemento ecoloxista a nivel local naquela época. A charla será online a través do seguinte enlace e a chave para entrar é BALEA.
A comedia ‘Os amos do mundo’ chega este sábado a Narón
O Pazo da Cultura acollerá este sábado, día 22, a representación da comedia ‘Os amos do mundo’, da compañía Bucanero Teatro. Esta peza para adultos -a partir de 12 anos ten unha duración de algo máis de hora e media e poderá verse ás 20.00 horas.
Os actores Pedro Picos e Xosé Bonome forman o elenco desta peza, na que darán vida a un home rico e un pobre, un explotador e un home un pouco explotado. A obra conta a historia de dous homes cun mesmo destino. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: a un prezo de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante.
‘Un grupo para un barrio’ en Cedeira este sábado
A actuación do grupo ferrolán Muíño do Vento porá fin este sábado ao I Ciclo de Teatro Afeccionado Fusa Guillén, un programa que rende homenaxe a importante papel que a dramaturga, cedeiresa de adopción, xogou na dinamización da vida cultural da localidade. Desta volta, o Auditorio acollerá, ás 20.00 horas, a representación ‘Unha obra para un barrio’. A entrada será gratuíta ata completar aforo.
A asociación sociocultural Muíño do Vento naceu en 2012 no barrio ferrolán de Canido ca intención de reanimar e dinamizar o barrio en todos os seus aspectos, desde o urbanístico ata o cultural. O grupo de teatro é un dos seus brazos e ‘Unha obra para un barrio’, a peza coa que reapareceu este ano nos escenarios despois do parón da pandemia. O pasado mes de xuño estreou esta comedia, escrita e dirixida por Agustín Bolaños, na que oito mulleres bravas tentan conseguir cartos do concello para facer actividades que animen o seu barrio.
Xornada de sensibilización ambiental este sábado en Valdoviño
No marco do plan de promoción do deporte en Valdoviño a través de actividades de carácter medio ambiental e social, o Club Náutico Folixa organiza unha xornada de sensibilización ambiental este sábado, a partir das 11:00 horas, na praia de Vilarrube.
A iniciativa contemplará unha charla de 30 minutos sobre as dunas e a súa conservación ambiental, e unha ruta posterior duns 60 minutos pola zona con recollida de información a través de fotografías e notas. Así mesmo, aqueles que participen poderán acceder a un bautismo de surf, paddle surf ou waveski dunha hora. Iso si, é preciso inscribirse previamente na xornada, a través do teléfono 655 221 544 ou email [email protected] -sinalando nome, DNI, idade, teléfono e talla de neopreno.
251 participantes na VI edición do Ciclocrós Val de Esmelle este domingo
O Concello de Ferrol vai colaborar co Club BTT Esmelle no desenvolvemento da sexta edición do Ciclocrós Val de Esmelle Copa Galicia, un evento que terá lugar o próximo domingo, día 23 de outubro, na parroquia de Esmelle, e no que se inscribiron un total de 251 participantes. Trátase da segunda proba da tempada, a primeira celebrarase o día anterior, o 22 de outubro, en Betanzos. A saída terá lugar ás 11 horas e está previsto que se alargue ata as 17 horas.
Participarán ciclistas procedentes de toda Galicia desde os 14 anos de idade, entre as categorías Cadete e Master 60. Desenvolverán un circuíto pechado con obstáculos naturais e artificiais de 2,5 quilómetros.
Discussion about this post