A Policía Local de Fene tramitou unha quincena de denuncias por saltarse o confinamento

Os dez policías con que conta actualmente o municipio incrementarán a vixilancia toda esta semana

O Concello de Fene informou, a través da responsable da área de Seguridade, Sandra Permuy, que desde o comezo do confinamento a Policía Local fixo máis dun cento de identificacións -parte delas en controis conxuntos  coa Garda Civil- e tramitou 16 denuncias por saltar o confinamento sen motivos xustificados.

Os datos totais a data de hoxe indican que durante o Estado de Alarma foron identificadas un total de 113 persoas, interceptáronse 411 vehículos e efectuáronse 16 propostas de sanción.

“En relación con outros concellos da comarca, nós aquí en Fene estamos sendo modélicos respectando a normativa en vigor”, sinalou a concelleira puntualizando deseguido que as denuncias enviadas á Delegación do Goberno “foron na súa maioría por reincidencias, persoas que xa estaban avisadas e que non tomaron en serio as advertencias”. Desde este departamento municipal tómanse as cifras con precaución, posto que alomenos 31 identificacións e 11 das denuncias pertencen aos últimos catro días. “Nun primeiro momento os corpos de seguridade centráronse en informar e concienciar, pero dada a gravedade da situación tamén é necesario sancionar se non se respectan as normas que son comúns para todos”, explica Permuy.

O Goberno local non oculta a súa preocupación polo incremento súpeto de propostas de sanción que, segundo a concelleira do ramo “débense máis á irresponsabilidade e relaxación de algunhas persoas que a un exceso de celo dos axentes aplicando a normativa en vigor”. Nestes momentos a Policía Local de Fene conta con 10 efectivos aos que se sumarán dentro duns días 3 auxiliares, adiantando a este momento contratos de reforzo que estaban previstos para a época estival.

Os próximos días serán críticos, especialmente a fin de semana “temos dous festivos no medio e os supermercados abrirán o sábado pola mañá. A Policía Local vai incrementar a vixilancia para disuadir a calquera de saltar o confinamento. É duro, pero as circunstancias son de gravedade extrema, temos que ser conscientes diso e, sobre todo, responsables”.

 

 

Salir de la versión móvil