Ánxela Loureiro, encargada en Fene da lectura da declaración institucional polo 25 de xullo

O acto finalizou cunha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego por parte dos presentes

Concello de Fene

A escritora Ánxela Loureiro foi a encargada de ler o pasado sábado a mediodía a declaración institucional do Concello de Fene para conmemorar o 25 de xullo, Día da Patria Galega. No acto, que se desenvolveu a carón do Monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo, Loureiro estivo arroupada polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, polo concelleiro de Cultura, Justo Ardá, membros da corporación municipal e veciños de Fene.

O acto finalizou cunha ofrenda floral e coa interpretación do himno galego por parte dos presentes. Ademais, entregouse á autora da declaración institucional unha praca conmemorativa, realizada pola ceramista fenesa Carme Romero, e a carpeta da exposicion ‘Volta á orixe’, con reproduccións de debuxos de Xaquín Marín.

Cada ano por estas datas, en vísperas do 25 de xullo, a corporación municipal de Fene encárgalle a declaración institucional ao redor do Día da Patria Galega a unha persoa de recoñecido prestixio pola súa traxectoria social e cultural. Nesa ocasión, tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, a escolla recaeu en Ánxela Loureiro, mestra, escritora, guionista cinematográfica, cantora e divulgadora musical e unha rapaza que con 16 anos, viviu en primeira persoa a represión que seguiu ao marzo de 1972. Ánxela Loureiro tiña 16 años o 10 de marzo do 72 pero, como ela manifestou en máis dunha entrevista, “fíxose adulta ese día, adquirindo un compromiso a prol das liberdades e dos dereitos da muller, que mesmo lle acarreou tres detencións e unha agresión fascista”.

“Agora o 25 de xullo festéxase o Día da Patria Galega, Galicia considérase unha nación, a nosa lingua denomínase idioma e a bandeira branca e azul ondea libremente”. Para Ánxela Loureiro, “ese mundo soñado vai construíndose acotío, edificándose sobre uns alicerces enraizados polo idioma, tradicións e a historia. Vai trocando as grises paredes opresoras da intolerancia por ledas cristaleiras que deixan mirar ao futuro con esperanza”. Citou como exemplos de aperturismo no Concello de Fene, a existencia da emisora municipal Radio Fene e do Museo do Humor.

Salir de la versión móvil