Concello de Ferrol tapia dúas vivendas de Recimil logo das riortas entre clanes

Un dos baixos do barrio, que fora ocupado de forma ilegal, apareceu destrozado como represalia a unha das familias

O Concello de Ferrol procedeu onte pola mañá a tapiar dúas vivendas de propiedade municipal que estaban ocupadas de forma irregular e que foron abandoadas recentemente. Estes domicilios foron escenario de varios altercados durante os últimos días entre clanes de etnia xitana. Onte mesmo, axentes da Policía Local acudiron ao lugar, no número 6 da rúa das Pontes, e comprobaron que o baixo esquerda tiña rotos os cristais das fiestras. No interior había numerosos danos e a porta permanecía aberta.

Segundo puideron saber os policías, os destrozos producíronse cando non había ningún residente no interior, xa que se foran pouco despois dunha riorta ocorrida a véspera. Este incidente, relacionado co que onte tivo lugar na esquina de Pardo Baixo co Cantón de Molíns, tamén motivara a marcha das persoas que vivían no primeiro esquerda, quen ocuparan o piso de forma ilegal hai case un ano, en maio do 2019.

O peche destes pisos responde á intención do Concello de recuperar o control sobre residencias de propiedade municipal que estean ocupadas de maneira ilegal, co fin de dar pasos orientados a solucionar determinados problemas de convivencia no barrio, en beneficio da maioría de veciños que viven legalmente, ao mesmo tempo que se avanza na rehabilitación do que é o primeiro parque de vivenda pública de Galicia.

 

 

Salir de la versión móvil