O equipo Roca da Garda Civil de Ferrol en colaboración coa Garda Civil de Mugardos no marco da operación “Mandarria” procederon á detención de dous mozos, un deles menor de idade, veciños de Fene e Mugardos, como presuntos autores dun delito de roubo con violencia e intimidación.
Estas detencións son o resultado da investigación iniciada no mes de xaneiro tras recibir denuncia por parte dun mozo na que sinalaba que sufrira ameazas por parte do maior de idade na que lle reclamaba unha débeda de 1.200 euros.
Posteriormente, recibiuse denuncia doutra persoa que manifestaba sufrir un roubo de 400 euros e un selo de ouro por parte do detido maior de idade que ía acompañado doutro mozo, presumiblemente menor de idade, utilizando para cometer o delito varias armas de fogo coas que ameazaron ao denunciante e un coitelo que lle colocaron no pescozo.
No transcurso da investigación como resultado do traballo de campo realizado polos compoñentes das unidades de Ferrol e Mugardos lograron a identificación plena dos dous autores, procedendo á súa detención como presuntos responsables do delito de roubo con violencia e intimidación.
Na fase da investigación ampliáronse os cargos contra o maior de idade pola comisión dun delito de ameazas, un delito de furto e outro delito de tráfico de drogas, tendo en conta que no rexistro levado a cabo no domicilio deste acháronse tres carabinas e unha pistola de aire comprimido así como numerosas armas brancas ademais de 38 gramos de haxis, 6 gramos de marihuana e dúas balanzas de precisión. Tamén se interveu unha máquina expendedora de produtos secos que fora subtraída do exterior dun establecemento comercial sito na localidade de Ares.
O detido maior de idade xunto coas actuacións realizadas foi posto ao dispor do xulgado de instrución de garda de Ferrol e igualmente dando conta do menor á Fiscalía de Menores da Coruña.