Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda promoven o programa dual Reinicia VII para persoas desempregadas

Oferta 20 prazas para dúas accións formativas: atención sociosanitaria a persoas dependentes e traballos de carpintaría e moble
unnamed (12)

Os concellos de Fene, Ares, Cabanas, Mugardos e Neda -quen xa colaboran no proxecto de inserción laboral Inicia V- van poñer en marcha a partir do 15 de decembro unha nova edición do obradoiro de emprego Reinicia, que vai xa pola súa sétima edición. O programa vai dirixido a persoas desempregadas maiores de 18 anos co obxectivo de mellorar a súa capacitación profesional e, en consecuencia, incrementar as posibilidades de acceso ao mercado laboral.

O proxecto conta con financiamento da Consellaría de Economía, Emprego e Industria e do Ministerio de Traballo e Economía Social, a través do Servizo Público de Emprego Estatal. Neste caso foi o Concello de Ares quen tramitou o expediente, beneficiario dunha achega de  354.446 euros, dos que 7.500 son para incentivos á contratación.

Este importe permitirá desenvolver un obradoiro de emprego de 9 meses de duración -desde o 15 de decembro até o 15 de setembro de 2021- con contidos que teñen unha alta demanda de perfís profesionais, como é o caso da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións ou todo o relacionado coa carpintaría en madeira.

En cada un deses apartados ofertaranse 10 prazas para persoas maiores de 18 anos en situación de desemprego. Para optar á acción formativa e ocupacional sobre atención sociosanitaria será requisito imprescindible contar con estudos de ESO ou equivalentes, mentres que para o obradoiro de carpintaría e moble abondará con ter estudos primarios.

Alén da formación que recibirán os traballadores e traballadoras, o proxecto tamén implica beneficios para os concellos. De feito, durante o obradoiro fabricarase mobiliario de oficina para a área de Formación e Emprego do Concello de Fene e para dependencias do Concello de Mugardos, tamén se farán fiestras para o mosteiro de Santa Catalina -Ares- e reporase equipamento deteriorado no paseo marítimo de Neda, ademais de desempeñar labores de atención sociosanitaria en distintas institucións destes municipios e do de Cabanas

Para participar nestes obradoiros englobados no Reinicia VII -insistimos, dirixidos a maiores de 18 anos en situación de desemprego- ou para obter máis información sobre o seu contido pódese contactar coa Área de Formación e Emprego «Pancho Allegue», ben por teléfono -981 492 767- ou a través do correo electrónico [email protected]. As 20 prazas dispoñibles ocuparanse de forma proporcional con persoas empadroadas en cada un dos municipios promotores.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.