Fene convoca sete prazas temporais dentro do Plan de Emprego Local da Deputación

As instancias poden presentarse ata o xoves 18 de xuño de forma presencial ou telemática

O Concello de Fene contratará a sete persoas desempregadas durante un período de 4 meses dentro do programa de integración laboral promovido pola Deputación da Coruña. Os perfís ofertados son os de cinco peóns e un oficial de albanelaría, ademais dun posto de auxiliar de biblioteca. Terán contratos temporais dun 71,42% da xornada laboral completa e o proceso selectivo farase mediante concurso de méritos. As instancias poden presentarse ata o xoves 18 de xuño, ben de maneira presencial -para o que é necesario solicitar cita previa no 981 061 034 ou 671 508 166 -, ou a través da sede electrónica municipal.

As contratacións sufragaranse con cargo ao Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña, que reservou para Fene unha achega total de 52.000 euros e os salarios brutos varían entre os 1.353,08 e os 1.383,28 euros dependendo das categorías. Para participar no proceso será necesario figurar no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante de emprego durante os dous últimos anos e acreditalo presentando copia da tarxeta. Tamén se marcan outras condicións propias do programa financiado pola Deputación.

Non será necesario cumprilas todas, pero si polo menos algunha delas, como por exemplo ter máis de 45 anos, levar en situación de desemprego dous ou máis anos, ter unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ser muller, vivir nun fogar onde ninguén teña traballo, ser familia monoparental, non ter fogar, ter dificultade para atopar traballo por razón do idioma ou circunstancias socioculturais, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse nunha situación de drogodependencia.

 

Salir de la versión móvil