Fene iniciou hoxe o regreso escalonado ás aulas, onde primeiramente foron as crianzas de Educación Infantil e os primeiros cursos de Primaria as que estrearon esta peculiar volta ao cole, e onde o resto farano mañá e en secundaria a partir do 16.
Máis de 20.000 euros invertidos en conservación e mantemento
O Concello fenés levou a cabo traballos de conservación e mantemento cifrados en 21.337 euros en varios centros educativos, os cales quedarán practicamente listos entre hoxe e mañá. Porén, estes centros só pertencen á Educación Infantil e Primaria, xa que tanto os de Secundaria coma Formación Profesional son competencia exclusiva da Xunta, quen tamén debe asumir en todos os centros de titularidade pública as obras maiores de reparación.
CEIP Plurilingüe O Ramo
Neste centro fai só unhas semanas desprendéronse varios anacos de cemento polo que o Concello actuou de urxencia para evitar riscos. Nesta obra en concreto o consistorio faise cargo duns custes de 12.000 euros, tras sanear as soleiras de todos os ventanais.
CEIP Centieiras
No CEIP Centieiras pintáronse as clases de Infantil -nunha delas botouse un novo chan- e tamén as paredes do ximnasio. Ademais, o Concello tamén ten un proxecto de 40.000 euros para as obras de ampliación do comedor que, previsiblemente, se executarán durante as vacacións do Nadal.
CEIP Os Casais
Os departamentos de Servizos e Ensino tamén tiñan anotado no seu listado o repintado das aulas do CEIP Os Casais, que finalmente non se puido levar a cabo por causa das filtracións de humidade que se producen en varios puntos do edificio. O problema vén de vello e xa se lle trasladou á Xunta en varias ocasións, co obxectivo de que a Consellaría de Educación acometa as obras de reparación necesarias.
CPI A Xunqueira e a escola unitaria de Sillobre
Os outros dous centros onde actuou estes días o Concello foron o CPI A Xunqueira e a escola unitaria de Sillobre. No primeiro caso non houbo obras no interior do edificio, pero si fóra, onde se aglomerou o aparcadoiro e se acondicionaron os alcorques do arborado que o delimita. Tamén se acordou coa dirección do colexio o pintado do patio exterior para delimitar os espazos para a rapazada durante os recreos.
Por último, na escola de Sillobre o labor municipal centrouse no mantemento dos espazos axardinados e na limpeza do contorno, xa que as instalacións se encontran en bo estado.
Desinfección dos centros
Neste arranque do curso, o Concello tamén deberá facerse cargo das desinfeccións matinais dos centros de Infantil e Primaria. Segundo os protocolos, durante a xornada lectiva será necesario acometer ata tres desinfeccións en lugares onde pode haber contactos, como son manillas de portas, varandas ou aseos.
Esta medida obrigou á área de Seguridade e máis á empresa adxudicataria das limpezas a reordenar o servizo e, neste sentido, desde a alcaldía envióuselle hai uns días unha carta á Consellaría de Educación expresándolle o malestar municipal por ter que asumir unha nova responsabilidade en relación coa xestión da Covid-19 sen que por parte da Xunta se acheguen recursos económicos para cubrir os seus custes.