O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o campus lingüístico e de conciliación ‘Verán máis alá’, que ten aberto estes días o prazo de matriculación. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas.
Seguindo a orde cronolóxica, a proposta que comezará é a de Ximnasia de mantemento ao aire libre, coa que a área de Cultura e Deportes convida á veciñanza de calquera idade a facer exercicios suaves cos que tonificar o corpo e mellorar, entre outras, a coordinación, a resistencia, a forza e a flexibilidade. As sesións desenvolveranse na parte traseira do Pavillón da Xunqueira (San Valentín) do 1 de xullo ao 31 de agosto os luns, mércores e venres laborables de 09:30 a 10:30h. Son totalmente gratuítas e non se requirirá inscrición previa.
En relación co deporte ao aire libre, o Concello tamén recupera este ano o Día do Deporte na Rúa, que se estenderá pola avenida de Tarrío, a Rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío na mañá do domingo 3 de xullo entre as 10:30 e as 14:00h. Haberá coches de pedais, inchables, xogos tradicionais, zumba, pilates, volei, fútbol, baloncesto, malabares… e múltiples obradoiros para toda a familia. Só por participar en tres das actividades propostas levaremos unha das 1.000 camisetas do evento, que nesta edición locen un deseño de Xaquín Marín.
Iniciación ao mergullo
A seguinte actividade deportiva será na piscina municipal de Centieiras a fin de semana do 9 e 10 de xullo. Alí organízanse dúas actividades de iniciación ao mergullo dirixidas a rapazada e persoas adultas. A primeira, o sábado 9 de 17 a 18:00 horas, é gratuíta e oferta 12 prazas para nenas e nenos de 10 a 14 anos.
O cursiño acelerado para maiores de 14 anos -sen límite de idade- repartiranse entre a tarde do sábado 9, de 18:00 a 20:00h, en Centieiras e a mañá do domingo 10 de xullo -10 a 13:00- na praia de Chanteiro. O prezo neste caso son 6,25 euros e tamén se ofertan 12 prazas.
As inscricións deben facerse no departamento de Deportes entre o 13 de xuño e o 6 de xullo. O único material que fai falla levar é o bañador, gorro, chanclas e unha camiseta para poñer por debaixo do neopreno que nos facilitará o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus, encargado da actividade.
Campionato de Fotografía Submarina
En relación co submarinismo deportivo cómpre recordar que o Concello de Fene, o CAS Nautilus e a Federación Galega -con colaboración do CMI Unidade e da Unidade de Buceo da Armada- organizan o próximo 26 de xuño o Campionato de Fotografía Submarina Concello de Fene, puntuable para o circuito galego desta disciplina. A saída está prevista ás 9:30 do peirao de Barallobre e efectuaranse dúas inmersións, unha de 10 a 11:30 e outra de 12 a 13:30h. As inscricións, só para buceadoras e buceadores federados, hai que facelas ata o 19 de xuño a través do correo fegas@fegas.es ou en imagen@fegas.es.
As persoas participantes tentarán captar as mellores imaxes do fondo da ría, ofrecendo instantáneas tan espectaculares como as que compoñen a exposición “Ollada ás profundidades” que pode visitarse ata o 30 de xuño no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13:00h e de 17 a 20:00h de luns a venres, así como durante as competicións deportivas das fins de semana. A mostra itinerante chega a Fene coa colaboración do CAS Nautilus e da Federación Galega de Actividades Subacuáticas.
Caiac e paddle surf en Almieiras
No caso do caiac e paddle surf o escenario será a praia de Almieiras -Limodre-, punto de referencia para iniciarse nestas dúas disciplinas desde o 11 de xullo ao 19 de agosto en horario de 11 a 13:00h.
A actividade repartirase en dúas quendas: unha os luns e mércores e outra os martes e xoves, con 18 prazas dispoñibles en cada unha delas. Poderá participar calquera persoa nacida en 2014 ou antes dese ano, sempre e candosaiba nadar.
A cota de inscrición é de 23,25 euros -18,6 a partir do segundo membro da unidade familiar para persoas empadroadas en Fene- e o prazo para anotarse presencialmente estará aberto do 13 de xuño ao 6 de xullo en horario de mañá no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44 entresollado).
O material necesario -caiac, casco, táboa, remos e salvavidas- facilítao a organización, de modo que as persoas participantes só terán que preocuparse de levar chanclas pechadas ou escarpíns, bañador, toalla e unha camiseta de recambio que se poida mollar (licra, neopreno ou algodón).
Campamento lúdico e deportivo no CMI Unidade de Fene
A última proposta relacionada co exercicio físico e o lecer é o campamento lúdico e deportivo promovido polo Concello en colaboración co Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Trátase dunha iniciativa inclusiva para nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2017 que terá lugar nas instalacións da entidade de luns a venres entre o 1 e o 12 de agosto, ambos días incluídos, en horario de 10 a 14.00h. O penúltimo día do campamento a rapazada terá a opción de facer noite con cea e velada de xogos, ademais do almorzo da mañá do 12.
Os máis pequenos aprenderán e brincarán a través dunha chea de xogos que aproveitarán todas as posibilidades que ofrecen tanto a piscina como outros espazos do CMI. Haberá 40 prazas dispoñibles e as inscricións presenciais deberán formalizarse entre o 13 de xuño e o 22 de xullo nas oficinas de Cultura e Deportes.
A cota do campamento son 28,20 euros -22,56 a partir do segundo membro para familias empadroadas en Fene- e desde o departamento municipal indican que cada persoa poderá apuntar presencialmente aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis.