Fene reabre a pasarela do paseo marítimo de San Valentín

Demarcación de Costas contribuiu aos traballos mellorando o acceso desde o camiño do Regueiro e substituíndo mobiliario

César Galdo | Concello de Fene

O Concello de Fene rematou este xoves os labores de conservación da pasarela de madeira que conecta o paseo de San Valentín coa zona do Regueiro percorrendo a ribeira da ría. Os traballos desenvolvidos nas últimas semanas consistiron no cambio de distintos elementos danados polo uso e o paso do tempo que obrigaran ao consistorio a clausurar o trazado no verán por motivos de seguridade. As actuacións supuxeron un investimento próximo aos 12.000 euros e simultaneáronse coas executadas pola Demarcación de Costas, cercanas aos 30.000, que se ocuparon de acondicionar o acceso norte ao paseo, do reforzo dos ribazos e da instalación de mobiliario.
 
As obras desenvolvidas polo Concello de Fene concluíron onte á tardiña co chorreado dos 400 metros do paseo feitos en madeira, co obxectivo de eliminar o verdín e os sedimentos acumulados “para mellorar a súa adherencia, incluso en días de auga, e evitar caídas accidentais”, explicaba esta mañá a concelleira de Servizos, Sandra Permuy.
Nas últimas semanas reparouse  a estrutura substituíndo parte da rampa que dá acceso á praia e todos os tablóns que se encontraban en mal estado. Porén, boa parte da obra centrouse  en acondicionar a zona de ribazo retirando vexetación e raíces, xunto coa preparación dunha canle de drenaxe que reduza a humidade procedente dos terreos lindeiros. Unha medida que, tal e como aseguraba esta mañá o alcalde, Juventino Trigo, “axudará a que a estrutura se conserve en boas condicións durante moito máis tempo”.
Segundo engadiu Sandra Permuy, o estado xeral desta parte do paseo “requiría unha intervención urxente por motivos de seguridade, posto que había moitas táboas soltas ou podres e por iso decidimos restrinxir o acceso xa a comezos do verán. Tamén solicitamos en varias ocasións a colaboración da Demarcación de Costas, que finalmente acometeu importantes melloras”.
Os responsables municipais destacan sobre esta última cuestión que o ente dependente do Ministerio de Fomento “renovou completamente” o acceso norte ao paseo que comunica co Camiño do Regueiro. Nese caso, a obra -próxima aos 30.000 euros- consistiu no desmonte dun dos noiros superiores e na cimentación da entrada, ademais da colocación de novos pilotes de contención tanto nese punto como noutras partes do paseo e na instalación dun novo banco na metade do percorrido.
Salir de la versión móvil