Ferrol, Eume e Ortegal reciben máis de 25,7 millóns do Plan Único da Deputación

A Deputación permite este ano destinar parte dos fondos do Plan Único aos sobrecustos derivados da suba do prezo da luz, o gas, os carburantes e as obras públicas, cuxos prezos se elevaron notablemente nos últimos meses

Formoso destaca que a cifra representa case a metade do orzamento anual da Deputación

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos o Plan Único (POS+2022), que este ano investirá 87,9 millóns de euros nos 93 concellos da provincia. Do total, 25.765.378 euros irán aos concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Nun primeiro momento aprobáronse 9,1 millóns do Plan Único a estes tres territorios e no pasado mes de febreiro sumáronse outros 12,5 do plan adicional.

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que representan case a metade do orzamento anual da Deputación da Coruña. Ademáis, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.

Narón volverá a ser un ano máis o concello que máis fondos reciba, cun total de 2,28 millóns. A As Pontes asígnanselle algo máis de 1,9 millóns e Ortigueira poderá financiar proxectos por case 1,4 millóns. Séguenlle Fene e Monfero con pouco máis de 1 millón de euros. Valdoviño dispoñerá de 932.266 euros e Cedeira algo máis de 865.000 euros.

Ferrol e Pontedeume recibirán algo máis de 710.000 euros e Mañón 646.000. Algo máis de 610.000 euros irán para As Somozas, 574.000 para Ares, 521.000 para Mugardos e 558.500 a Cabanas. Algo máis de 509.000 euros serán para os investimentos de Cariño. Mentres que Neda, A Capela e Cerdido dispoñerán de 489.000, 447.000 e 436.000 euros, respectivamente. Finalmente, Moeche poderá realizar investimentos con cargo ao Plan Único por valor de 418.000 euros.

“Desde a súa creación hai cinco anos, o Plan Único consolidouse como unha ferramenta imprescindible para que os concellos podan financiar obras e servizos que melloran a vida da cidadanía en todos os concellos da provincia”, afirmou Formoso, que destacou tamén “a capacidade de adaptación do POS+ ao escenario socioeconómico actual”: a pandemia e a crise económica derivada da Guerra de Ucraína.

Neste sentido apuntou que, desde o ano pasado, o Plan Único inclúe un Fondo Social destinado ao financiamento de programas sociais municipais que apoian aos colectivos máis desfavorecidos ou afectados pola pandemia. Un total de 21 millóns de euros foron destinados a este fin, 7 deles durante este 2022. Reforzo dos servizos de asistencia no fogar para persoas maiores, programas de conciliación familiar e laboral ou axudas directas ás familias máis vulnerables son algúns dos programas que financia nos concellos este fondo social do POS+.

Ademáis, para apoiar aos municipios coruñeses na actual situación de crise, a Deputación permite este ano destinar parte dos fondos do Plan Único aos sobrecustos derivados da suba do prezo da luz, o gas, os carburantes e as obras públicas, cuxos prezos se elevaron notablemente nos últimos meses e que supoñen un serio problema non só para familias e empresas, senón tamén para as economías municipais.

No destino dos fondos aprobados hoxe figuran un total de 23,3 millóns para o financiamento de 260 obras na totalidade dos concellos da provincia; 14,5 millóns ao financiamento de gasto corrente en 77 municipios; 7 millóns para gastos sociais e 252.000 euros para redución de débeda en 15 concellos.

Formoso explicou que, desde 2017, o Plan Único inxectou máis de 528 millóns de euros nos concellos da provincia, financiando un total de 2.987 obras nos concellos coruñeses, cifras sen precedentes nos anteriores plans provinciais, que ademáis de mellorar as infraestruturas e servizos municipais contribúen a xeración de actividade económica e de emprego.

Salir de la versión móvil