O Concello de Ferrol vén de reforzar o persoal dos servizos sociais municipais con motivo das necesidades que a crise sanitaria polo Covid-19 está a xerar entre a poboación da cidade. Hoxe mesmo incorporáronse á concellería de Benestar Social tres traballadores sociais e outros tres auxiliares para o tempo que dure o confinamento máis outros tres meses.
Deste modo, unha traballadora social e un auxiliar dedicaranse ao servizo de axuda no fogar despois de que o Concello contratara outras 2.000 novas horas para xestionar emerxencias motivadas pola pandemia unha vez a Xunta concedera máis. Tamén se encargarán do novo servizo de atención telefónica a maiores que a concellería poñerá en marcha nas próximas datas unha vez as asociacións veciñais remitan ao Concello o listado dos veciños máis vulnerables.
Outras dúas traballadoras sociais e un auxiliar reforzarán a xestión de emerxencias e a entrega de vales para produtos de primeira necesidade e, por último, o terceiro auxiliar intensificará os labores habituais do negociado. Deste modo, os seis novos empregados centraranse na resolución da Risga (Renda de inclusión social de Galicia), o servizo á dependencia e o seguimento aos usuarios dos servizos sociais municipais, entre outras tarefas.
Discussion about this post