Gonzalo Caballero reuniuse co comité de empresa de Navantia en Ferrolterra e comprometeuse a traballar para “potenciar o naval galego”

O secretario xeral do PSdG destacou “a inversión histórica” das fragatas e aposta pola “diversificación” a través da incorporación da eólica mariña e o desenvolvemento do estaleiro 4.0
caballefene1

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza co comité de empresa de Navantia en Fene na que se comprometeu a “potenciar” a industria naval galega. “O naval é fundamental para Galicia e ten que ser unha das prioridades”, remarcou, nunha reunión na que tamén participaron o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, os concelleiros Julián Reina e Antonio Golpe, os deputados no Congreso Montse García e Diego Taibo, o senador Antonio Vázquez e o deputado autonómico Martín Seco.

Nesa liña de “aposta” polo naval dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero destacou a construción das fragatas F-110 como “unha inversión histórica” de 4.325 millóns de euros, na medida en que suporá a xeración de 7.000 postos de traballo nunha década.

Con todo, o líder do PSdeG avogou por trasladar á nova presidenta de Navantia a necesidade de “seguir traballando en liñas de diversificación” desta industria a través do desenvolvemento do estaleiro 4.0 ou da incorporación da eólica mariña. “Hai que seguir avanzando”, recalcou, co “compromiso firme” de dotar de carga de traballo a Navantia en Ferrolterra.

“Temos que poñer dende xa todas as posibilidades do estaleiro en acción e o emprego en activo”, enfatizou Gonzalo Caballero, quen garantiu que “os e as socialistas galegos imos colaborar fielmente” para promover a actividade industrial no naval de Ferrolterra e os postos de traballo.

Compromiso da Xunta

En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG urxiu á Xunta a desenvolver as súas competencias en materia industrial para “colaborar” co sector naval galego, con accións como o desenvolvemento do polo tecnolóxico ou do clúster das auxiliares.

Ademais, explicou que os fondos comunitarios que virán para a reactivación económica tralo paso da covid suporán “unha oportunidade” tamén para Galicia, polo que reclamou que a Xunta “faga os deberes” presentando proxectos “competitivos” que poidan ser destino deses cartos procedentes da UE.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.