O Concello de Fene e e a Asociación InDiCan promoven unha campaña sobre a responsabilidade que implica sumar un animal á familia. Cos cancelos #NonSonXoguetes e #NonSonCousas fan unha chamada á concienciación durante as datas do Nadal, especialmente dadas ás compras compulsivas. «Milleiros de cans que foron agasallos polo Nadal ou Reis acaban meses despois encadeados, invisibles, engaiolados ou abandonados». Con esa frase tan dura como real encabézanse os carteis de grande formato que desde esta semana se están repartindo polas instalacións municipais, en locais de entidades, polos colexios e en establecementos comerciais de Fene, dentro dunha nova campaña de concienciación promovida pola asociación InDiCan en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Fene.
A iniciativa fai unha chamada de atención sobre a responsabilidade e compromiso que implica a chegada dun animal á familia, algo que en moitos casos non se medita suficientemente e que despois ten consecuencias dramáticas para o novo membro. Nas próximas semanas o colectivo desenvolverá charlas nos centros de ensino e, ademais, todos os mércores ás 11:00h emitirá en Radio Fene o espazo semanal «Radio Animal».
Tal e como apunta Lorena Fernández, da asociación InDiCan, a campaña céntrase «en disuadir a poboación de utilizar os animais como agasallos». Fernández insiste en que «non son peluches nin xoguetes, teñen unhas necesidades que cubrir». A acción de concienciación veciñal lánzase ás portas do Nadal, «cando hai máis consumismo e se fan compras sen ningunha reflexión previa», precisa Lorena Fernández, e cunha mensaxe moi clara para as familias: «non é unha obriga ter un can, non é unha obriga ter un gato, non é unha obriga ter un coello, pero se o tes, cóidao con responsabilidade».
Ademais, segundo insisten desde o colectivo, a decisión de incorporar un membro animal á familia hai que valorala con detemento, principalmente porque as máis das veces son as nenas e nenos quen piden traer unha mascota para a casa e, unha vez chega, os maiores delegan neles os coidados, que van moito máis aló que o feito de alimentalos ou sacalos pasear. «Coidar un animal non é algo que lle corresponda a un neno. Os nenos non teñen madurez suficiente para iso», apunta a veterinaria especializada en comportamento Noemi Graña. A experta engade que «moitos abandonos prodúcense por problemas condutuais» que non se saben xestionar.
En calquera caso, se despois de meditala ben meditada se acaba tomando a decisión, desde InDiCan aconsellan a adopción en vez de compra. Por varios motivos: porque lles ofrece unha nova vida «en familia» a animais que están en refuxios —»seres vivos que senten», recordan desde a asociación— , porque se está colaborando no traballo que desenvolven as protectoras e, comenta Noemi Graña, «porque fomentando a adopción reducimos todo este mercadeo que existe arredor dos animais. Incluso existen granxas dedicadas á reprodución onde os animais están en moi malas condicións».