O remolcador “Alp Ace” navega de Noruega a Ferrol traendo tras o seu ronsel ao buque metanero “Bering Energy”, para a súa reactivación no estaleiro de Navantia Fene. A arribada está prevista para o próximo 17 de xuño, ás 18.00 horas. Este buque, ex “LNG Leo” e o seu xemelgo “LNG Gémini”, actual “Gulf Energy”, permaneceron dous anos no estaleiro ferrolán e, segundo transcendeu, o proxecto consiste en rehabilitalos como metaneros.
Descartouse, por tanto, o despezamento de ambos os buques, como inicialmente previuse, dado que o seu estado aínda permite ampliar a súa vida operativa e mesmo se expuxo utilizalos como depósitos flotantes. É posible que Navantia rehabilite tamén o segundo metanero, segundo informan fontes coñecedoras da operación.
Esta operación supón un balón de osíxeno para Navantia Fene, antiga ASTANO, que acumula unha valiosa experiencia en reparacións navais neste tipo de buques. A previsión é que cada buque permaneza polo menos dous meses en dique, á marxe do tempo adicional no peirao de armamento.
Ambos dous buques, de cinco tanques esféricos e capacidade para 126.300 metros cúbicos, son de construción norteamericana e entraron en servizo en 1978. Propiedade de Pronav Shipmanagement Inc., teñen un rexistro de 72.555 toneladas de peso morto e miden 285 metros de eslora e 45,70 metros de manga. Teñen propulsión de turbinas de vapor, cunha potencia de 43.000 cabalos e mantiñan unha velocidade de servizo de 20 nós.