A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o apoio do BNG ao traballadores e traballadoras de Noa Madera ante a ameaza da perda de 150 empregos. Pontón explicou que a situación é especialmente dramática «nunha comarca como Ferrolterra que leva moitos anos padecendo a desertización industrial e ás portas dunha crise económica e social derivada da pandemia».
A líder nacionalista avanzou que o BNG vai presentar ante á Deputación Permanente do Parlamento unha iniciativa para que o Goberno de Feijóo «explique que actuacións están levando a cabo para impedir a perda dos empregos nesta empresa afincada no Polígono de Vilar do Colo»
“Cada emprego é fundamental e non imos permitir que unha empresa viable e con capacidade para producir sexa desmantelada por intereses do grupo empresarial que a adquiriu, porque Noa Madera conta con experiencia e traballadoras e traballadores capaces”, salientou tras a reunión co cadro de persoal, na que tamén estiveron presentes o rexedor de Fene, Juventino Trigo, e Iago Varela, primeiro tenente de alcalde do concello de Cabanas.