O Goberno local de Fene propón dárlle ao Museo do Humor o nome de Xaquín Marín

O pleno municipal votará este xoves o cambio de denominación, culminando deste xeito a homenaxe que se lle rendeu ao humorista gráfico
Xaquín Marín e Siro López, ante a figura en homenaxe ao primeiro no Museo do Humor | CONCELLO DE FENE
Xaquín Marín e Siro López, ante a figura en homenaxe ao primeiro no Museo do Humor | CONCELLO DE FENE

Poucas persoas hai en Fene, de nacemento ou adopción, que conciten tanto afecto xeral como Xaquín Marín Formoso. E motivos sobran. Creador polifacético, dinamizador cultural, reivindicador e un dos máximos expoñentes do humorismo retranqueiro galego posto ao servizo da crítica social. Son moitos os méritos que, sen el pretendelo, se xuntan nun home xa de por si afable e sempre conciliador. Un bo e xeneroso, vaia, que hai case 40 anos teimou en crear o primeiro museo do mundo dedicado ao humor. Fene recoñeceulle durante maio e xuño todo o seu labor a prol do municipio e da Cultura por medio do programa «Volta á orixe», que contou con centos de asistentes á exposición monográfica e ás actividades paralelas. Agora, como culminación deste merecido tributo, o pleno municipal votará na mañá deste xoves o cambio de denominación do Museo do Humor para que pase chamarse «Museo do Humor de Fene: Xaquín Marín».

Tal e como se recolle na proposta de acordo da alcaldía, precisamente a raíz da exposición antolóxica sobre o creador «foron moitas as persoas que nos transmitiron a proposta de cambiar o nome do museo». Un sentimento refrendado por Siro López -outro dos grandes do humor gráfico galego, ademais de amigo e compañeiro de andanzas creativas de Marín- que mesmo reivindicou a mudanda da denominación nun artigo publicado en La Voz de Galicia.

O texto que se someterá á valoración plenaria abonda na figura e na obra dun «artista plástico total e polifacético» coñecido e recoñecido por levar case 35 anos publicando unha viñeta diaria nese mesmo xornal e por ser o principal promotor do museo do humor fenés, inaugurado en 1984 e que el dirixiría durante os seus primeiros 25 anos de vida reunindo a que posiblemente sexa a maior colección de humor gráfico do mundo.

Desde a dirección do Museo, Xaquín Marín levou a cabo, ademais, «un inxente labor de difusión do humor galego en todas as súas vertentes ben sexa a través de exposicións permanentes ou itinerantes (Os humoristas e a reconversión, Humor gráfico actual en Galicia, Cómic galego, Humor cru…), de mostras en colaboración con outras institucións, museos ou particulares (Casa do Humor e da Sátira de Gabrovo en Bulgaria, Museo Internacional de Humor de San Antonio de Baños en Cuba, herdeiros de Mort Walker…), da creación das Xornadas de Humor, os premios Curuxa e a revista Sapoconcho ou do apoio ao nacemento da Asociación de Amigos do Museo do Humor».

Porén, a súa figura vai máis aló e, segundo a proposta, o autor acumula «unha vasta traxectoria que abarca outras disciplinas visuais como a banda deseñada, a pintura, o deseño gráfico, o cartelismo, o muralismo ou a ilustración», ademais de ser o humorista gráfico galego «con maior relevancia, recoñecemento e constancia das últimas cinco décadas».

A iniciativa do Goberno municipal cualifica a Marín como «creador dun estilo cunha linguaxe, recursos expresivos e símbolos propios, totalmente innovador ao tempo que inequivocamente enraixado na tradición plástica galega, dunha coherencia estética e ideolóxica incontestables, tan persoal como universal e, por riba de todo, galego».

Estes e outros argumentos sosteñen a petición que se lle presentará ao pleno convocado para mañá xoves ás 10:00h, no sentido de que o Museo do Humor de Fene pase denominarse «Museo do Humor de Fene: Xaquín Marín». A iniciativa superou a comisión informativa cos votos favorables do Grupo de Goberno e a abstención do resto de formacións. De prosperar tamén mañá no pleno o cambio de nome sería inmediato.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.