O Parlamento de Galicia aprobou onte por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central carga de traballo para Navantia, así como o desenvolvemento dos investimentos necesarios para dispor dun Estaleiro 4.0 que lle permita seguir competindo e acadando novos contratos para o naval galego.
O viceportavoz do Grupo Popular, o ferrolán Miguel Tellado, lembrou que “esta demanda foi un dos últimos asuntos que trouxemos ao Parlamento galego e iniciamos esta nova lexislatura reiterando a solicitude”. “Estamos comprometidos cun sector referente internacional e fundamental para a comarca de Ferrol e para o conxunto de Galicia, pero historicamente desprezado polos gobernos socialistas de España”, sinalou. “Sempre que gobernou o PSOE ao sector naval galego foille mal”, incidiu.
“O importante é poñer solucións onde hai un problema”, indicou Tellado, quen concretou que “a industria auxiliar está pagando as consecuencias desta situación”. “Quen pode resolver os problemas é o Goberno de España, encargando un AOR que a Mariña Española precisa”, dixo.
Tellado considerou unha “mala noticia que saíra adiante a moción de censura contra o goberno de Mariano Rajoy para os nosos sectores económicos, pero fundamentalmente para o naval”. O deputado popular asegurou que durante o goberno do PP na Moncloa “se prevían 250 millóns de euros para as fragatas F-110 e o desenvolvemento do proxecto do Estaleiro 4.0, que non se teñen executado a día de hoxe”. Os deputados do Bloque lembráronlle que foi precisamente o executivo de Rajoy o que «paralizou a construcción das F-110» para adaptalas aos misís que fabricaba a exemprea do ministro Morenés. «Aquelo foi escandoloso», lamentaron os nacionalistas.
Na mesma liña pronunciuose o portavoz de Industria do grupo socialista, Martín Seco, quen reclamoulle ao Feijoo que “arrime o ombreiro para facer de Navantia un estaleiro con futuro”. O PSdG criticou que o executivo galego se dedicara a “cargar contra o Goberno” de Pedro Sánchez logo do “fiasco” dos contratos de Pemex e da paralización polo goberno de Rajoy das fragatas F-110.
Engadiu que “en materia de estaleiros teñen dúas palabras que definen a súa política: Pemex e Morenés. Neste sentido lembrou o fracaso do contrato de Feijóo con Pemex que ía acadar vinte buques para Barreras e a base loxística de Punta Langosteira, e que acabou cun dos principais enlaces da Xunta coa petroleira imputado por corrupción.
Engadiu que “se a política industrial que van desenvolver é a de ter metido nun caixón durante dous anos” o proxecto das fragatas F-110 “por intereses dun ministro do PP” e, dixo, “para iso case mellor que non fagan nada”. Tivo que ser o goberno de Pedro Sánchez, dixo, o que rescatara o contrato e puxera en marcha o plan de modernización e transformación dixital de Navantia, iniciando o proxecto de novo taller de fabricación de sub – bloques.
Con todo, o grupo socialista apoiou a iniciativa porque declararon estar «a favor dunha maior carga de traballo en Navantia e o desenvolvemento do estaleiro 4.0 para mellorar a competitividade do estaleiro de Ferrol”.