Facilitar o desprazamento diario, de luns a venres, no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado universitario fenés que estea matriculado en calquera dos campus da cidade de A Coruña durante este curso 2020-2021 é o obxectivo do programa Bonobús Universitario que convoca un ano máis a Concellería de Cultura do Concello de Fene. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto dende o venres 9 ao luns 19 de outubro, ámbolos dous incluídos.
As solicitudes -dispoñibles na web municipal www.fene.gal- presentaranse, xunto coa documentación requirida nas bases, no Rexistro Xeral do Concello por vía telemática ou por vía presencial en días laborables, de luns a venres, en horario de 08.30 a 14.00 horas (neste caso, deberán pedir cita previa no teléfono 981 061 034). Para información sobre dúbidas relacionadas co programa pódese chamar ao teléfono 607 615 673.
A convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios do Concello de Fene vai dirixida ao estudantado que estea empadronado e teña residencia efectiva no Concello de Fene como mínimo dende o 1 de xuño de 2020 e que curse estudios universitarios para os que sexa preciso desprazarse ata a cidade da Coruña.
Neste curso, o Concello de Fene destina un total de 7.500 euros para financiar o programa. As subvencións concedidas variarán en función do número de beneficiarios finais do acordo, oscilando entre o 100% do custo do bono bus para un máximo de 12 beneficiarios e un 30 % do custo no suposto de que haxa entre 31 e 40 beneficiarios.