Preto de 700 negocios de Ferrol pediron o cambio á tarifa “sen actividade” a Emafesa

Os interesados en presentar a solicitude para reducir a factura a só 28,19 euros dispoñen de prazo ata o xoves, 30 de abril
DSC_2089

Cerca de 700 negocios de Ferrol solicitáronlle ata onte a Emafesa o cambio á situación de “sen actividade” para beneficiarse dunha medida que significa o pago de 28,19 euros por un bimestre de auga e recollida de lixo. O alcalde, Ángel Mato, decretou o pasado 9 de abril que os establecementos afectados polo estado de alarma podían pedirlle á empresa de augas o paso a esta modalidade de tarifa para aboar unicamente o importe mínimo que permite a normativa.

O obxectivo é sumar unha axuda máis ás que tanto o propio Concello de Ferrol coma outras Administracións están a poñer en marcha para paliar os efectos da crise do covid-19 entre o tecido empresarial. Segundo os datos facilitados pola empresa ao peche da xornada de onte, luns, trátase de 683 negocios, dos que máis da metade (353) xa teñen aprobado o cambio a situación de “sen actividade”, mentres que 54 non cumpren cos criterios recollidos no Real Decreto de estado de alarma. O resto das solicitudes están a ser tramitadas. O prazo para poder presentalas conclúe o xoves, 30 de abril.

O decreto firmado polo rexedor o pasado 9 de abril recolle que, dado que o peche de numerosos locais ten lugar forzosamente, estes deben pasar a considerarse en situación de “sen actividade”, o que implica a súa baixa na taxa de abastecemento de auga potable e depuración de augas residuais, tal e como contemplan as ordenanzas municipais. Isto leva aparellados cambios de tarifas na taxa de saneamento e na de recollida de residuos, ademais da exención tanto da taxa de tratamento de residuos (canon de Sogama) coma do canon da auga da Xunta de Galicia. É dicir, unicamente aboarán os mínimos de 5,79 euros polo saneamento sen actividade e o importe reducido de 22,40 pola recollida de residuos sólidos urbanos.

A factura non incluirá os consumos de auga ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia, e entendendo que para os negocios pechados deben ser gastos prácticamente inexistentes, polo que facturar un importe estimado sería sempre prexudicial para o usuario. No caso de que se rexistrase un mínimo consumo, compensarase en futuros recibos.

A mencionada baixa na taxa de abastecemento debe ser solicitada de forma telemática polo interesado. Terá que acreditar ante Emafesa, mediante o epígrafe do IAE, entre outra documentación esixible, o peche efectivo do local debido ao estado de alarma. Para facelo, é necesario que se dirixa á dirección de e-mail [email protected] ou á dirección postal da empresa (Praza da Ilustración, 5, baixo). Tamén pode poñerse en contacto coa empresa nos números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou no fax 981 300 148.

O decreto contempla tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso é con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares. Esta decisión adóitase debido ás “excepcionais circunstancias” e para non agravar máis a situación económica dos cidadáns.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.