Un total de 126 alumnos e alumnas de grao de Enfermaría e técnicos comezan o seu período de prácticas na área sanitaria ferrolá

Os 97 alumnos de Enfermaría realizan as estadías de terceiro e cuarto en diferentes ámbitos, dende este mes e ata o mes de maio de 2021

Un total de 126 alumnos e alumnas de Grao de Enfermaría das Universidades de A Coruña e Santiago, e Técnicos de Ciclo Medio e Superior comezan o seu período de prácticas na Área Sanitaria de Ferrol. Así, un total de 37 alumnos de cuarto de Enfermaría incorporábanse o pasado 20 de setembro; os 29 Técnicos de Ciclo Medio e Superior incorpóranse entre o pasado venres e esta semana; e esta mañá facíano os 60 alumnos de terceiro de Enfermaría.

A supervisora de Formación Continuada, Marisa Fraga Sampedro; e a coordinadora de Técnicos de Coidados Auxiliares de Enfermaría, Angélica Mosconi Domínguez, encargábanse, tanto o pasado venres coma hoxe, de darlle a benvida a estes novos integrantes da Área, xunto cos profesionais que coordinarán a súa formación.

En concreto, os alumnos e alumnas do Grao de Enfermaría, aos que se recibía esta mañá no CHUF, adquirirán coñecementos nos ámbitos tanto médicos como cirúrxicos. Estarán divididos en grupos que se incorporarán ós distintos departamentos en diferentes períodos temporais ó longo do total do seu curso académico.

Estes alumnos e alumnas estarán acompañados nos centros polos seus titores. Posteriormente, en cuarto, incorporan tamén unha formación máis practica no ámbito da Atención Primaria nos centros de saúde, na área maternal (partos, tocoloxía e matrona), na área infantil (pediatría, prematuros, UCI pediátrica, e Urxencias de Pediatría); e Unidades de Críticos (como UCI, Reanimación e Urxencias).

No caso dos 29 alumnos Técnicos de Ciclo Medio e Superior, incorpóranse 17 Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría, do IES Leixa; 5 Técnicos Superiores de Laboratorio de Análises Clínicas e Biomédico, tamén do IES Leixa; 4 de Administración e Finanzas (2 do CIFP Rodolfo Ucha de Ferrol e 2 do IES Terra de Trasancos de Narón); 1 de Anatomía Patolóxica do CIFP Ánxel Casal Monte Alto; 1 de Sistemas microinformáticos e redes e 1 de Administración de Sistemas Informáticos en Rede, ámbolos dous do CIFP Rodolfo Ucha.

Salir de la versión móvil