A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, mantivo esta mañá unha reunión con representantes do tecido económico da cidade para analizar con eles as tres liñas de subvencións destinadas a actividades de reactivación e promoción económica do Concello, dentro do programa “Ferrol, cidade viva”. Ao encontro, celebrado no pazo municipal, acudiron membros das entidades empresariais, de comerciantes, de hostaleiros, dos mercados e da confraría.
Axudas ao comercio local
O importe total das axudas é de 150.000 euros, dos que cada entidade poderá optar a un máximo e 25.000 para cubrir ata o 80 % do orzamento de gastos subvencionables. As mencionadas subvencións están divididas en tres liñas.
A primeira delas está destinada a actividades de dinamización da oferta comercial, hostaleira e dos mercados, co que se pretende estimular a compra no comercio local, a consolidación do sector hostaleiro e a súa revitalización e modernización a través de novas formas de venda e promoción, así como o apoio á revitalización dos mercados municipais como referente do comercio de proximidade.
A segunda ten como obxectivo as actividades de promoción e comercialización das capturas pesqueiras e marisqueiras co obxecto de promover o produto autóctono, a súa distribución e o seu consumo local.
Finalmente, a terceira liña dedícase a actividades de fomento do emprendemento, destinadas á promoción da cultura emprendedora, así como a formación e asesoramento de iniciativas emprendedoras.
Gastos subvencionables
Entre os gastos subvencionables encóntranse os eventos, campañas e actividades dirixidas a promover ou incentivar o uso dos servizos dos sectores subvencionados, a dinamizar a oferta existente para fidelizar clientes, a apoiar as liñas de comercialización e promoción de produtos de calidade que permitan o seu asentamento no mercado local e á promoción de produtos ou eventos identificativos da zona e que contribúan á promoción económica e dinamización da cidade.
Tamén se atopan os cursos de formación, xornadas, exposicións ou accións similares dirixidos a mellorar a calidade dos servizos e a formación dos profesionais. Do mesmo modo, serán subvencionables a edición de material promocional da cidade para o seu uso no comercio, a hostalería e os mercados, a edición de material de difusión das actividades -coma cartelería, publicidade, etcétera-, cunha limitación de ata un máximo do 30 % do importe subvencionado. A presentación de solicitudes deberá realizarse a través da sede electrónica do Concello de Ferrol –https://www.ferrol.gal/Sede-. O prazo para tramitalas será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.