Ferrol contén o número de contaxios tras cinco días de repunte

O departamento de microbioloxía do CHUF leva analizadas máis de 6.800 mostras dende o inicio da crise
chuf5

A área sanitaria de Ferrol logrou conter o cremento do número de contaxios que viña experimentando nos últimos cinco días, onde acumulou ata 60 novos casos de Covid-19. Nas últimas 24 horas únicamente se diagnosticaron 3 novos casos, ata acadar os 403. Hai que reseñar que, trala ampliación do seu servizo, o departamento de microbioloxía fai recollidas e análise de luns a domingo, polo que en Ferrol non existe o chamado «efecto fin de semana» causado por un número menor de probas.

Tal e como indicaron dende o Sergas, o repunte desta pasada semana viuse propiciado, en parte, polo aumento significativo do número de test que se veñen realizando, xa que se duplicou dende mediados deste mes. Pasouse dunha media diaria de cen PCR a case o doble, ata superar os 6.800 actuais.

Actualmente, do total de casos, 370 permanecen no seus domicilios baixo vixilancia sanitaria e son 33 as persoas que permanecen hospitalizadas. Só 4 delas atópanse cun diagnóstico máis grave na UCI, a menor cifra dende o inicio da crise. Ata o de agora producíronse 82 altas hospitalarias e non se rexistraron novos falecementos por Covid-19 nos últimos cinco días nos hospitais comarcais.

A este casos, súmanse os máis de 30 doentes diagnosticados con coronavirus nas residencias das comarcas. Os principais núcleos son a residencia de As Fragas, en Pontedeume; a de Piñeiros, en Narón e o Centro de Atención a persoas con discapacidade física (CAMF) do Imserso en Ferrol.

Estudo epidemiolóxico do Sergas

Mañá continuará o estudo epidemiolóxico que o Sergas está realizando a máis de 3.200 persoas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. 1.500 deses test realizaranse na cidade de Ferrol, que habilitou a ludoteca da praza de España para realizar as probas.

Este traballo de campo, en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE) levarase a cabo en dúas tandas: unha primera ata o 7 de maio e a segunda catro semanas máis tarde. Os doentes que participen serán contactados telefónicamente polo Sergas, que ten como obxectivo facer un mapeo do Covid-19 entre a poboación galega. O resultado das probas tamén se informará polo médico de familia de forma telefónica.

Relacionadas