Ferrol e a Fundación Santo Hospital de Caridad de Ferrol rubrican un novo convenio de colaboración

Co novo acordo o Concello de Ferrol comprométese a subvencionar á entidade social cun total de 48.000 euros, 18.000 máis que no exercicio anterior

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da Fundación Santo Hospital de Caridad Ferrol, Alberto Lens, rubricaron esta mañá no salón de plenos do pazo municipal un convenio de colaboración de 48.000 euros para contribuír ao financiamento e mantemento do refuxio Pardo de Atín.

Un aumento de case 20.000 euros

Esta axuda, que crece 18.000 euros respecto á concedida o pasado ano, forma parte do anexo de subvencións nominativas do Concello de Ferrol para este exercicio aprobado polo pleno municipal o pasado 27 de abril. O rexedor aproveitou a ocasión para agradecer a Lens o inmellorable labor desenvolvido durante estes meses cheos de numerosas complexidades como consecuencia da Covid-19 e a súa  posta a disposición dos máis vulnerables.

Considero de xustiza o incremento no orzamento deste convenio, posto que o seu traballo, moi importante desde hai moitos años, neste caso foi imprescindible para a cidade”, afirmaba o rexedor local. Para rematar, o alcalde manifestou que o Concello continuará colaborando para que a Fundación Santo Hospital de Caridad Ferrol desenvolva o seu importante labor.

Pola súa banda, Lens agradeceu ao Concello de Ferrol a achega económica deste ano e manifestou que a pandemia pola Covid-19 puxo a proba ao albergue. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, expresou tamén o seu agradecemento á fundación pola súa colaboración encomiable co Concello de Ferrol durante o estado de alarma e a súa disposición para aportar material ao albergue provisional que o Concello habilitou na Casa do Mar.

Salir de la versión móvil