A ría de Ferrol é sustento para moitas familias da comarca e sempre tivo que facer fronte a grandes problemas no que a depuración das súas augas se refire. Ademais deste problema -case solucionado- os recheos que pechan a enseada da Malata ou cortan a ría coma nas Pías provocan barreiras á circulación da auga do mar, o que da lugar a degradación e perda da maior parte dos bancos marisqueiros da ría.
A isto, hai que sumarlle o efecto do parásito «perkinsus olseni» , desfavorecendo aínda máis se cabe aos traballadores e traballadoras das cofradías marisqueiras da Ría de Ferrol. É por iso que as familias que viven do mar ven reducidos os seus ingresos o incluso teñen que suspender o seu traballo.
Apoio de Ferrol en Común ás Cofradías marisqueiras da Ría de Ferrol
Debido á actual crise que está a sufrir a Ría de Ferrol e os mariscadores que viven dela, Ferrol en Común solicita como mostra de apoio un cambio das condicións das axudas por cese de actividade, as cales poidan asegurar o sustento para todas as familias que viven da Ría namentres os bancos pesqueiros non melloran.
Ademais, tamén é importante a realización dun plan integral da ría para coñecer os problemas reais e poder dar unha solución eficaz que permita que as nosas augas retomen a súa vida. De feito, a CIG esixiulle hoxe mesmo á Xunta un plan integral para que a Ría recupere o seu ansiado esplendor.
Manifestación dos mariscadores por unhas axudas xustas
Onte xoves 10 de setembro a comunidade de mariscadores e socios das Cofradías de Santiago Apóstol de Barallobre e de Mugardos manifestáronse nas portas do edificio da Xunta para esixir unhas subvencións xustas en caso de que se produza un cese da actividade pola escasez de recursos.
Pola súa banda, a patrona maior da Cofradía de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, Isabel Maroño, recriminou a falta de actitude por parte das administracións competentes, as cales «pásanse a pelota» con tal de evitar responsabilidades, deixando a un lado a preocupación e falta de recursos dos mariscadores.
Finalmente, o patrón maior da Cofradía Santiago Apóstol de Barallobre, Jorge López, advertiu que coas axudas actuais moitos dos traballadores quedarían fora destas achegas económicas, «algo ao que non estamos dispostos que suceda», afirmaba.