O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá unha nova edición das Meninas de Canido. O acto tivo lugar fronte á fachada dun edificio de oito plantas na que se está a pintar unha das cinco obras de gran formato deste ano e contou coa presencia do concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, a de Turismo, María Teresa Deus, e o de Urbanismo, Julián Reina.
Mato sinalou que o festival, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro, «xa se converteu nun dos grandes embaixadores da cidade a nivel nacional e internacional», unha cita que para Canido supuxo, entre outras cousas, a dinamización do barrio. Porén, por mor da pandemia da Covid-19, este ano celebrarase unha edición na súa «vertente máis discreta que recupera a súa esencia, a reivindicación da rexeneración urbana”, expliou o rexedor.
Neste senso, o alcalde puntualizou que aínda que a cita transcorre esta fin de semana, marcada pola pandemia, «as pinturas permanecerán no tempo e gozaremos das obras dos artistas», aínda que haxa que respetar unhas certas medidas sanitarias en beneficio de todos.
Un ano máis as Meninas reivindicarán a feminidade e o poder da cultura e do arte para facer mellores as cidades. Por último, Mato insistiu en que, como non podía ser doutro modo, as Meninas levaranse a cabo «cumprindo todas as medidas de seguridade» e agradeceu á cidadanía o seu comportamento nesta situación excepcional.
Unhas meninas especiais pero igual de reivindicativas
Pola súa banda, o artista Eduardo Hermida, organizador do evento, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol e tamén dos veciños. Na súa comparecencia explicou que a pesar da situación xerada pola Covid-19 esta edición «é a nosa mellor forma de contribuír a que a cultura non se deteña». É unha mirada ao futuro que se cimenta no seu orixe reivindicativo co que se iniciou o proxecto, no ano 2008.
Apuntou tamén que a edición deste ano conta con ao redor de 40 artistas de primeiro nivel do arte urbano -25 deles para obras de medio ou gran formato- e agradeceu o apoio aos patrocinadores deste ano: 1906, Rilo e Loop. José Rilo González-Vallés, pola súa banda, felicitou aos participantes e aplaudiu que se de continuidade á iniciativa.