Ferrol prepara a celebración do Día Internacional das Persoas Sen Fogar

Na reunión entre a edil Eva Martínez e o Grupo de Traballo de Entidades tamén se falou sobre a posible creación dun piso na cidade para persoas sen teito
Eva1

O salón de actos do edificio social acolleu o pasado mércores 16 de setembro unha reunión do Grupo de Traballo de Entidades que traballan con persoas sen fogar, na que participan Cáritas, Dignidad, Cocina Económica de Ferrol, Cruz Vermella, Albergue Pardo de Atín e as áreas de atención primaria e saúde mental da Área Sanitaria, e que preside a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.

Día Internacional das Persoas sen Fogar

O próximo 25 de novembro é o Día Internacional das Persoas sen Fogar, e pensando nesta data as entidades reunidas centraron boa parte desta xuntanza nas diversas actuacións que se levarán a cabo. Entre elas, a máis destacada foi a realización dun vídeo que recolla a experiencia deste grupo de traballo coas persoas sen teito durante unha etapa tan difícil como foi a que se viviu hai uns meses en pleno estado de alarma.

Así, a concellería de Benestar Social contratará dito vídeo co fin de poñer en valor e dar a coñecer un traballo que, subliñou a edil, «malia ser difícil e moitas veces improvisado polo descoñemento da propia situación, obtivo uns resultados moi positivos en termos xerais e mesmo destacados por institucións e entidades de fóra de Galicia».

A idea, dixo, pasa por presentar o vídeo, no que participarán todas as entidades deste grupo de traballo e o Concello na derradeira semana do mes de outubro, e completar este acto cun programa de actividades -conferencias, mesa redonda ou similar- que sexan acordes á situación de pandemia e aos diferentes protocolos de seguridade.

Programa Ferrol Acolle

Neste encontro, ademais, as tres técnicas que traballan no programa explicaron a situación na que se atopa na actualidade Ferrol acolle- Como dixeron, xa son 31 as persoas valoradas e 27 as que consideran aptas para participar nalgúns dos programas que se inclúen no plan como o de Alfabetización Dixital ou o de Prevención de Riscos Laborais.

A maiores, o programa contempla a posta en marcha dun piso na cidade para persoas sen fogar, de transición á vivenda, o recurso que máis demandan os participantes neste proxecto xa que na súa totalidade ou carecen do mesmo ou están nunha situación irregular ou de infravivenda.

As técnicas agradeceron o traballo previo realizado polas entidades, que levan dende un principio derivando potenciais beneficiarios deste programa, e pediron manter esta coordinación, extremo que foi aceptado por todas as asociacións. A vindeira reunión deste grupo de traballo será o vindeiro 13 de outubro

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.