Ferrol realizará varias escapadas de balde coas que descubrir a natureza que nos rodea

En colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural o concello iniciará no mes de setembro varias saídas pola praia e lago de Doniños e aos xardíns urbanos de Ferrol

A concellería de Educación de Ferrol, no marco do convenio de colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural “A Biblioteca sae ao medio” promove tres saídas guiadas de balde, as cales discorrerán pola praia e lago de Doniños e aos xardíns urbanos de Ferrol.

Programación das escapadas

A primeira terá lugar o próximo sábado 19 de setembro no areal ferrolán e será de noite, de 21.00 a 00.00 horas, co fin de descubrir as sensacións inéditas da natureza na escuridade. Xa o día 26 -sábado- desenvolverase a segunda saída tamén a Doniños, neste caso de 10.30 a 13.30 horas á luz do día. E a terceira e última saída será o sábado 3 de outubro, de 11.30 a 13.30 horas, a cal levará aos máis aventureiros aos xardíns históricos da cidade co fin de pasear pola flora e fauna dun dos espazo verdes máis antigos de Ferrol.

Medidas a adoptar

Os grupos serán dun máximo de 20 persoas e a inscrición é obrigatoria. Os interesados en participan deben inscribirse chamando ao número de teléfono 698 141 384. No marco do protocolo covid, será obrigatorio o uso da máscara protectora durante toda a actividade, manter a distancia de seguridade entre participantes e non se permitirá compartir roupa, bastóns, bebida e alimentos con xente allea a un mesmo núcleo familiar.

Salir de la versión móvil