As concelleiras de Emprego e de Benestar Social reuníronse onte na Casa Solidaria co persoal que vai levar a cabo os programas «Ferrol Cidade Inclusiva» e «Ferrol Acolle». Ambos programas van comezar a desenvolverse nas instalacións municipais da rúa Velázquez. En concreto, será en dúas salas situadas na quinta planta, onde nunha delas levarán a cabo o seu labor unha traballadora social e unha educadora social, e noutra unha educadora social e unha psicóloga. Ademais, completa o equipo unha orientadora que participará en ambos.
Os candidatos a participar serán seleccionados mediante entrevistas, a partir de listados elaborados polos servizos sociais municipais e o grupo de persoas sen teito. En total, serán 92, dos que 25 corresponden a «Ferrol Acolle» e 67 a «Ferrol Cidade Inclusiva».
Tras o parón que supuxo o decreto de estado de alarma pola covid-19, Benestar Social e Emprego retomaron a inicios de xuño estes dous programas de emerxencia e inclusión social que se tramitaron con cargo ao Fondo Social Europeo a través da Administración autonómica, e para os que o Concello conseguiu a principios de ano unha subvención de preto de 300.000 euros.
Ferrol Cidade Inclusiva
Ferrol Cidade Inclusiva está dirixido a perceptores da risga e ás familias dos beneficiarios, porque, ademais da inserción sociolaboral, tamén ten como obxectivo o “acompañamento” destas persoas para que melloren a súa situación social, por exemplo, coa prevención do abandono escolar ou co acceso a axudas á vivenda.
Ferrol Acolle
Respecto de Ferrol Acolle, destinado a 25 persoas sen teito, as entidades que forman a Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito encargáronse de revisar, xunto cos servizos sociais municipais, os perfís susceptibles de formar parte del. Segundo a concelleira de Benestar Social, Martínez Montero, nestes momentos posteriores á crise sanitaria “estes programas son aínda máis necesarios, porque a situación actual está deixando momentos de maior vulnerabilidade”.