A Asociación Sociocultural ASCM, que traballa pola plena inclusión das persoas con discapacidade, vén de presentar un escrito ao concello de Ferrol solicitando a adecuación dos bancos instalados na renovada Praza de Armas á normativa de accesibilidade en espazos públicos. Desde a entidade sinalan que, tras realizar as comprobacións pertinentes, corroborouse que os bancos non cumpren coa altura mínima estipulada, que busca garantir as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación en espazos públicos.
No escrito, presentado ao concello, achégase unha memoria fotográfica na que se evidencia que os bancos non alcanzan os mínimos establecidos: “dunha profundidade de asento entre 0,40 e 0,45 metros e unha altura comprendida entre 0,40 e 0,45 metros”; estando, en ambos os casos, moi por baixo destas medidas e dificultando, así, o uso do colectivo de persoas con discapacidade. Desde a Asociación Sociocultural ASCM solicitan a adecuación dos bancos á normativa vixente “facendo que a Praza de Armas sexa “un lugar para todas”.