A Asociación Alvixe organiza un debate en Ferrol sobre políticas de igualdade

O debate celebrarase ás 19:00 horas no Ateneo Ferrolán e contará coa presencia de tódolos partidos, aínda que o PP non confirmou asistencia

O debate terá lugar no Ateneo Ferrolán | CEDIDA

A Asociación Alvixe, de Loita contra a Violencia de Xénero celebrará este luns un debate electoral para dar a coñecer as propostas pola igualdade dos distintos partidos que optan a gobernar en Ferrol, ante o compromiso firme de dar voz ao feminismo e á loita pola igualdade e contra o machismo.

Con este obxectivo, Alvixe quere servir de altofalante para que a cidadanía poida escoitar e coñecer de xeito máis pormenorizado as ideas, programas e propostas de cara a facer de Ferrol unha cidade máis igualitaria e respetuosa cos dereitos das mulleres.

Por elo, convidouse a todos os partidos políticos que optan gobernar en Ferrol a participar no “Debate Electoral en torno a propostas pola igualdade”, que se desenvolverá este luns no Ateneo Ferrolán ás 19:00 horas.

Confirmaron a súa presenza candidatas das listas do PSOE-PSdeG, BNG, Ferrol en Común, Podemos, Coalición Centro Democrático e LiGanDo. O Partido Popular non descartou a súa asistencia, pero a data do peche do cartel non se confirmou a persoa que podería asistir, se ben dende Alvixe se espera poder contar coa súa presenza.

Polo Partido Socialista participará Eva Montero; polo BNG María do Mar López; por Ferrol en Común Malay Sobrin; por Podemos participará Susana López; de LiGanDo estará Iolanda Teixeiro e de Coalición Centro Democrático estará Carmen Rodríguez.

O acto será aberto a toda a cidadanía, coa confianza de poder difundir os programas e as ideas de cada un dos partidos participantes a prol da igualdade e debatir en torno ás distintas propostas políticas.

Cóntamo ti en feminino

A Asociación Veciñal de Canido, xunto coa asociación Muíño do vento e a colaboración de Radio Filispim comezaron este martes unha serie de gravacións de entrevistas ás mulleres dos primeiros postos nas diferentes candidaturas. Deste xeito dábase continuidade ao ciclo de cultura democrática “Cóntamo ti” no que as protagonistas son as mulleres que son os números 2 das listas excepto no caso de Ligando e Centristas.

A invitación á cita, foi lanzada a todas as listas que se presentan a estas eleccións municipais, e todas elas responderon á mesma favorablemente agradecendo a oportunidade brindada, organizándose un apretado calendario de gravacións realizadas no Centro Cívico de Canido ao longo desta semana. As entrevistas xa se poden consultar neste enlace.

Salir de la versión móvil