A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga mostrou hoxe o seu malestar polo uso dun dos muros da igrexa parroquial de San Rosendo, no barrio de Canido, para albergar dous dos novos murais que forman parte da iniciativa artística das Meninas de Canido. Desde a entidade, que traballa para poñer en valor a memoria histórica de Ferrol e da súa contorna, creen que é un erro realizar esta alteración do patrimonio nun templo con máis de 200 anos de historia. «Falamos dun templo contruido en 1808, cuxa función era servir como capela do antigo e xa desaparecido cemiterio de Canido. Este ben ten chegado aos nosos días, sufrindo alterancións e engadidos no seu paso de capela a igrexa parroquial, pero conservado parte da súa estética orxinal, sobrevindo e convertíndose no testemuño do diochesco cemiterio»
Desde a entidade cultural consideran que existe unha responsabilidade tanto da diócese, por autorizar o uso do templo para este evento, como do Concello, ao ser este quen autoriza o evento e por ter competencias no ámbito da cultura e do patrimonio. De feito, aseguran que contan co respaldoda Rede de Patrimonio Cultural de Galicia, para entender que estes dous murais «supoñen unha afección a un ben catalogado no PXOM de Ferrol».
«Cremos que os eventos culturais deberían interactuar de maneira responsable co espazo no que se desenvolven, neste caso co patrimonio e identidade local, máis, se o evento, tal é como sucede con As Meninas de Canido, nace coa vontade de sinalar a degradación dun barrio. Tamén sorpréndenos a nula crítica existente entorno a esta actuación, desde os partidos políticos, asociacións locais, grupos de opinión e a mesma cidadanía; o que nos leva a considerar que queda moito traballo por facer na reivindicación do patrimonio cultural», lamentan desde a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga.