A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acaba de lanzar unha ambiciosa operación de recuperación e posta en valor da fachada marítima da cidade. O organismo que preside José Manuel Vilariño rehabilitará a antiga Comandancia Naval, comprará e recuperará o vello edificio de Aduanas e desafectará a Casa do Mar, de modo que esta poida funcionar con usos turísticos.
A antiga Comandancia Naval, construída en 1931, integrarase coa actual sede da Autoridade Portuaria, dando así lugar a un único edificio con dous bloques que quedarán conectados polas súas plantas baixas e unidos polas súas semisótanos. Solucionaranse desta maneira os problemas de espazo que ata a data impediron dar resposta óptima ás necesidades de persoal e usos que foron xurdindo co paso dos anos.
Entre outros traballos, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe o baleirado do seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios encostados ao inmoble, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna orixinal. O contrato sairá a licitación cun orzamento máximo de 1,58 millóns de euros e un prazo tope de execución de 21 meses.
Ademais, por 203.836 euros (impostos non incluídos), a Autoridade Portuaria adquirirá ao Ministerio do Interior a vella sede de Aduanas. Tamén situado na zona de Curuxeiras, trátase dun inmoble de planta baixa e tres alturas cunha superficie construída de 684 metros cadrados. Hoxe visiblemente deteriorada, é unha edificación catalogada, con alto valor arquitectónico e afectada polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Lanuxe.
Unha vez reformado integralmente, este edificio acollerá as dependencias máis vinculadas coa representación oficial da Autoridade Portuaria. Aloxará no futuro unha sala de usos institucionais, o arquivo histórico, e, abertos á cidadanía, un salón de actos e unha sala de exposicións. De maneira que o inmoble onde agora organízanse as mostras pictóricas e fotográficas, na contorna da Ranita, poderá ser destinado a control de fronteiras, necesidade que se ha de cubrir con instalacións adicionais ás xa existentes por mor da saída do Reino Unido da Unión Europea e da normativa de control de fronteiras que entrará en vigor en 2021.
A pedimento da Autoridade Portuaria, así mesmo, a Administración central desafectará en breve a Casa do Mar e os seus terreos lindeiros. Ás portas do Xacobeo 2021, esta decisión permitirá que a parte do edificio actualmente non utilizada (outrora unha hospedería para mariñeiros e familiares) funcione con usos turísticos. Este avance satisfai unha reivindicación tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Ferrol.
Finalmente, o consello de administración deu luz verde na súa reunión desta mañá a un modificado das obras do acceso ferroviario ao porto exterior. Formalízase así a solución a varios imprevistos que habían ido xurdindo durante a execución do proxecto construtivo. Estes cambios elevarán de 72,5 a 76,9 millóns de euros o investimento realizado na infraestrutura, que estará acabada en 2022.
“Cos expedientes da Comandancia, de Aduanas e da Casa do Mar, hoxe damos tres pasos que contribuirán a afianzar moi notablemente a estreita relación porto-cidade”, valorou José Manuel Vilariño. “De todas estas actuacións -abundou- beneficiaranse non só os ferroláns en xeral, senón tamén os traballadores da Autoridade Portuaria e o sector turístico”.