A CIG convoca para o próximo martes unha marcha reivindicativa en Ferrol

A praza de Armas acollerá unha asamblea de tódolos delegados da comarca ao final da manifestación

A CIG ten convocadas marchas de delegadas e delegados nas sete cidades para o próximo martes, 9 de xuño, para esixir dos Gobernos español e galegos políticas que permitan “unha saída xusta e galega á crise económica, laboral, industrial e social que atravesamos”. As marchas realizaranse dende distintos puntos de cada unha das cidades e confluirán nunha praza onde se celebrará unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aprobadas dende o inicio da pandemia e as alternativas da central sindical.

Cada unha das marchas estará formada por uns 30 delegados e delegadas da central sindical que partirán ás 10 da mañá. En Ferrol a primeira marcha sairá da Ponte das Cabras, a segunda do peirao de Curuxeiras e a terceira da estrada de Catabois, a altura de restaurante O Parrulo. Todas as marchas confluirán na Praza de Armas, onde haberá asemblea ás 11.00 horas.

Un dos obxectivos destas accións é “visibilizar a necesidade de retomar a mobilización” para forzar o necesario cambio de políticas que permita que a saída a esta crise “non recaia novamente sobre a clase traballadora”. A CIG reclama a derrogación inmediata da reforma laboral de 2010 e 2012, da reforma das pensións de 2011 e 2013 e da negociación colectiva; e políticas públicas que  concentren todos os recursos existentes en favor dos intereses das maiorías sociais.

Salir de la versión móvil