A Deputación da Coruña aprobará no pleno do mes de outubro, dentro dun expediente de modificación de créditos, unha achega económica extraordinaria de medio millón de euros para colaborar co Concello de Ferrol na financiación da primeira fase do proxecto de reforma do Estadio Municipal da Malata.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou este anuncio durante a visita institucional que realizou hoxe ao Concello de Ferrol, na que estivo acompañado do alcalde da localidade, Ángel Mato, a deputada provincial Ana Lamas e os concelleiros Julián Reina e Eva Martínez.
Unha das paradas desta visita foi no estadio da Malata, onde mantiveron unha reunión co presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado, e o xerente e director deportivo do club, Carlos Mouriz. No encontro estudáronse os detalles do proxecto, que implicará unha remodelación integral centrada na mellora estética e de seguridade de todo o recinto deportivo e que se executará en varias fases.
González Formoso destacou o «fantástico traballo que está a facer o club» e anunciou que «agora vamos pasar aos feitos e acoutar cales son as fases e os orzamentos necesarios «para equilibrar o estadio da Malata con outras instalacións similares en Galicia».
O presidente apuntou que ademáis deste primeiro investimento que se aprobará no pleno de outubro, a Deputación aprobará en vindeiros exercicios unha cantidade similar para «seguir contribuíndo á financiación das melloras necesarias na seguridade e na imaxe do estadio», que incluirán actuacións na estrutura metálica que soporta a cuberta, afectadas pola corrosión, nas propias chapas da cuberta, nos elementos prefabricados do cerramento da fachada e peches metálicos exteriores, así como nas filtracións e humidades que afectan a determinadas áreas interiores desta instalación deportiva.
O alcalde Ángel Mato agradeceu «a presenza do presidente da Deputación e a súa colaboración, xa que estamos a buscar diferentes vías de financiamento para facer unha obra importante para a cidade que, debido ao seu calado, terá que executarse en diferentes fases».
Por último, José María Criado expresou que «es un momento importante, veo una sintonía perfecta entre el presidente de la Deputación y el Concello. Esto va a redundar en beneficio de todos, sobre todo para los aficionados del fútbol y del Rácing de Ferrol», apuntou.