O Consello Sectorial Municipal de Igualdade e Muller do Concello de Ferrol celebrado esta semana decidiu propoñer á escritora ferrolá Rosa Cal Martínez para a medalla Emilia Pardo Bazán 2023 pola súa sólida traxectoria, con obras de gran interese, nas que primaron valores como a igualdade, a liberdade e a solidariedade. Cal Martínez (Ferrol, 1944) é actualmente profesora xubilada, aínda que con 16 anos se converteu na mestra máis nova de España. Traballou na ensinanza en varios centros educativos ata 1977, cando se trasladou a Madrid, onde se licenciou en Pedagoxía e Ciencias da Información (carreira na que posteriormente se doutorou), ademais de estudar Biblioteconomía e Arquivística. Xa na Coruña se diplomou en Lingua Galega. Desde 1987 ata a súa xubilación foi profesora na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid.
De ideais progresistas, Cal Martínez regresou a Ferrol para seguir traballando no eido literario. É autora de ‘A mí no me doblega nadie. Vida y obra de Aurora Rodríguez Carballeira’ (1991) ou Los curas contra Franco. Ferrol 1950-1978 (2012), entre outras obras. Tamén escribiu numerosos artigos e participou na redacción de contidos para diferentes medios. Colaborou no suplemento ‘La Voz de la escuela’ de La Voz de Galicia durante máis de dez anos e desde 2011 escribe artigos de forma mensual no Diario de Ferrol.
As Medallas Emilia Pardo Bazán foron creadas pola Xunta de Galicia no ano 2019 para o recoñecemento de accións relevantes desenvolvidas en prol da igualdade entre mulleres e homes. Cada ano realízanse tres condecoracións, que poden ser obtidas por persoas, colectivos, entidades ou institucións públicas o privadas. Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán polo seu carácter reivindicativo e por ser precursora sobre os dereitos das mulleres e o feminismo.