A ferrolá Maria Manuela recibirá o Premio Honorífico 2020 do certame Martín Códax da Música

Os organizadores valoran "a súa aportación a nosa cultura e a reivindicación da lingua como dereito e ferramenta de loita"

Os Premios Martín Códax da Música Galega outorgarán o Premio Honorífico 2020 á cantante ferrolá María Manuela. “É para Músicas ao Vivo e os Premios Martín Códax da Música unha honra outorgarlle este premio honorífico a María Manuela, unha gran muller e artista que tanto aportou e aporta a nosa cultura”, explicaron desde a organización do certame.

Criada no barrio de Recimil, en Ferrol, onde xa dende nena xogaba a ser cantante e artista, nos seus anos mozos coñece ao guitarrista Miguel Varela “O Tranquilo”, con quen acabaría casando e creando en 1974 o dúo artístico que se convertiría nuns dos grandes referentes da canción protesta, poñendo música á poesía galega ao tempo que reivindicaban a  lingua como dereito e ferramenta de loita. Acadaron éxito internacional en escenarios de Francia ou Suíza e recibiron ofertas de grandes discográficas, que rexeitarían por seren fieis aos seus principios.

Publicaron álbumes como “Idioma meu”, “Panxoliñas” xunto co ferrolán Xoán Rubia, “Cantigas para nenos e neneiros” ou “Ergueremo-la espranza”, de onde sairía o popular fado “Havemos de ir a Viana”. Nos 90 publicaron os últimos discos cun gran cambio de sonoridade pola estreita colaboración con Nani García na produción musical.

No 99 María Manuela publica “Para Miguel”, un disco en homenaxe ao seu compañeiro musical e de vida, falecido tras unha longa enfermidade. Foi o seu último traballo discográfico en solitario. Desde entón ten participado en proxectos conxuntos como os libro-disco “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía” ou en propostas audiovisuais como “Valentina”, de Abano Producións.

O seu gran compromiso social levouna a ser voceira do colectivo “Nunca Máis” de Ferrol, a participar nos concertos expansivos de “Burla Negra” en Galicia e Barcelona, en actos contra da guerra de Iraq, a colaborar con diversas ONG’s en incontables concertos a prol da figura da muller.

Querida e admirada por todo o que representa, foi homenaxeada pola súa cidade en diferentes ocasións, entre as que deixou unha lembranza especial a gala “Habemos de ir”, celebrada no 2008 no teatro Jofre onde participaron os grupos máis coñecidos da canción galega daquela altura.

 

Salir de la versión móvil